Técnicos de Adif declaran polo suceso de Angrois

Tecnicos de Adif_declaración xuíz Aláez_VCAL

As declaracións de técnicos de Adif en calidade de testemuñas ante o xuíz Luis Aláez, que instrúe o accidente ferroviario do Alvia o pasado 24 de xullo en Santiago, deron comezo na mañá deste xoves nos xulgados compostelanos de Fontiñas cuns 25 minutos de atraso respecto ao horario previsto.

O primeiro dos citados a declarar, o director de planificación e recursos da rede de alta velocidade de Adif, Pedro G.P., entrou nos xulgados sobre as 9,15 horas e accedeu á sala minutos antes das 10,00 horas. Sobre as 9,30 horas accedeu ao edificio de Fontiñas outro dos técnicos do administrador de infraestruturas ferroviarias, que evitou identificarse.

Para as 10,30 horas está prevista a comparecencia do director de planificación e xestión de capacidade de Adif, José E.G.; ás 11,30 horas a do subdirector de planificación e xestión de capacidade de Adif, Luis Carlos S.L.; ás 12,30 horas a do xefe de adxudicación de capacidades de Adif, Luis S. do C.; e ás 13,30 horas a do director de mantemento e explotación de Adif, Alfonso O. de O.G.

Todos eles asinan o libro horario e o cadro de velocidades máximas que utilizaba o día do descarrilamento o maquinista, único imputado actualmente na causa. O seu avogado, Manuel Prieto, quere que aclaren por que hai diferenzas entre o que marcaban o libro e o cadro sobre a implantación do sistema ERTMS –ata o quilómetro 85– e o que afirma a documentación achegada por Adif ao maxistrado.
OS AVOGADOS, EXPECTANTES

En declaracións aos medios de comunicación antes de entrar en sede xudicial, o avogado que representa a Apafas (unha das dúas asociacións de afectados polo accidente, que de feito se reúne ás 18,30 horas nun hotel compostelano), Javier González, destacou que «todo o que poida ser bo para o esclarecemento dos feitos, fundamental será».

Con todo, considerou que as comparecencias deste xoves non terán «tanto peso» como as do pasado 7 de marzo –as de tres traballadores de Renfe–, cando «se aclararon moitas circunstancias relativas aos avisos efectuados xa polo xefe de maquinistas sobre o risco na zona na que se produciu» o sinistro e sobre a sinalización «absolutamente insuficiente».

Tamén chegou sobre as 9,00 horas o letrado que representa á outra plataforma, Vítimas Alvia 04155. Pola súa banda, Antonio Suárez, quen acode como representante da súa irmá, que faleceu o 24 de xullo en Angrois, esperou que esta xornada se poida avanzar na determinación da «responsabilidade que haxa entre Adif e Renfe».

Así, apostou por «saber» se a inauguración da liña Ourense-Santiago «foi precipitada» e a repercusión da devandita circunstancia na morte de 79 persoas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar