O Campus de Lugo contará cun centro de referencia en biomedicina veterinaria

Facultade Veterinaria Lugo_USC_Universidade de Santiago

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello, que o Campus universitario de Lugo contará cun centro de referencia en Biomedicina veterinaria, que disporá dos estándares de calidade máis exixentes de Europa.

Logo de precisar que a construción do novo Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) contará cun investimento de case 4,5 millóns de euros en 2014 e 2015, Feijóo subliñou que estas instalacións serán “únicas en España no relativo a animais grandes e medianos e, por tanto, reforzarán a posición do Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina na investigación nestas materias”.

Ademais, as instalacións contarán “con todos os estándares de calidade para que nelas se poidan facer traballos en colaboración con calquera empresa ou con calquera centro investigador acreditado en Europa”. É dicir, que as instalacións estarán de acordo coa última normativa reguladora das características que deben ter os centros nos que se realiza investigación con animais –ano 2013-, cunhas condicións de calidade, ademais, que, neste momento, teñen moi poucos centros deste tipo en Europa.

Diante destas características, Feijóo destacou que CEBIOVET nave con tres obxectivos fundamentais: garantir a renovación da acreditación europea da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo no ano 2018, na que o hospital Rof Codina xoga un importante papel, como responsable da ensinanza práctica da facultade, a única de Veterinaria que existe en Galicia; e dar resposta ás crecentes demandas dos grupos de investigación da facultade e do campus, “tendo en conta que a provincia de Lugo conta cunha salientable actividade investigadora vinculada a sectores como o agrogandeiro”.

Así mesmo, e como terceiro obxectivo, este centro permitirá intensificar as relacións con outros centros de referencia, así como entre universidades e coas empresas do sector agrogandeiro españolas, contribuíndo ao establecemento de novas colaboracións estratéxicas de grande importancia, co impulso económico que isto supón.

O titular da Xunta resumiu salientando que se trata da posta en marcha dun novo centro de investigación “en cumprimento do plan do financiamento universitario”, que se sitúa no Campus de Lugo, pertencendo á Universidade de Santiago de Compostela e que aposta polo fortalecemento da Facultade de Veterinaria, “convertendo Lugo nun polo de desenvolvemento da innovación no ámbito da veterinaria e dentro do Plan Impulsa Lugo e, en suma, na estratexia de impulso da investigación e da innovación na nosa economía”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar