«Eurozone», de Chévere, máximo galardoado nos Premios María Casares

Premios Maria Casares_grupo

Os XVIII Premios María Casares xa teñen gañadores. O Teatro Rosalía Castro da Coruña vén de acoller esta noite unha cerimonia de entrega na que un total de 11 producións teatrais competían nas trece categorías nas que se dividen os galardóns do teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Á gala, que se retransmite en diferido pola Televisión de Galicia acudiron máis de 550 convidados, entre profesionais do sector, asociados, xornalistas e convidados en xeral. Todos eles asistiron ao espectáculo ideado pola compañía Ibuprofeno, que este ano transformou a gala nun furancho. Marián Bañobre e Isabel Risco presentaron a gala, dirixida por Santiago Cortegoso.
Ao longo da noite déronse a coñecer os gañadores dos Premios María Casares de Teatro deste ano.

OS RESULTADOS

EUROZONE: (4) Mellor Iluminación, (Fidel Vázquez)
escenografía, (Chévere—Javier Domingo Ballestín)
actriz secundaria (Patricia Lorenzo)
espectáculo (Eurozone)
As do Peixe: (3)mellor texto orixinal (Cándido Pazó)
Mellor actriz protagonista (Susana Dans)
Mellor dirección. (Cristina Domínguez)
Bye Bye Honey: (2) Música orixinal (Carlos Mosquera ‘Mos’)
actor secundario (César Goldi)
A Charca Inútil (1): mellor adaptación-tradución (Xosé Manuel Pazos Varela)
Walt (1): mellor vestiario (Uxía P. Vaello)
C’EST LA VIE: (1) Mellor Maquillaxe (Trini Silva)
As mil vidas de Matias Houseman (1): Mellor actor protagonista (Josito Porto)
Premios Maria Casares_2

AVELINO GONZÁLEZ

O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Avelino González, comezou o seu discurso cos agradecementos aos patrocinadores e colaboradores da gala (Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, Concello da Coruña, Fundación SGAE, Fundación AISGE, Gadisa, Superbock, Padroado de Cultura de Narón, Emsac, o equipo Teatro Rosalía Castro, o Centro Dramático Galego, Trevisani e a TVG). Acto seguido agradeceulle a profesión escénica o seu esforzo nestes tempos. “Dámosvos as grazas a todos por facer teatro, todos vós mantedes os teatros abertos. Agardamos coincidir con todos nos escenarios este ano, o que vén e o seguinte, todos os anos”, sinalou Avelino González antes de dirixir o seu discurso cara “ao público, á cidadanía, á sociedade.” “Ninguén nos pode reprochar que os vosos soños e os vosos problemas son as nosas fontes de inspiración. Collemos esa inspiración para devolvervos arte”, sentenciou o presidente da AAAG antes de brindar polo público.

 

PREMIO DE HONRA

O Premio de Honra Marisa Soto homenaxeou a Xosé Manuel Olveira Pico, falecido o ano pasado. A ovación, con todo o público en pé, amosou unha vez máis que Pico era un dos actores máis queridos, tanto polo público como polos compañeiros de profesión. A Xunta Directiva da AAAG subiu ao escenario para entregarlle o galardón ao fillo do intérprete, Pablo Olveira.
Pola súa banda, o xornalista Camilo Franco leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. No seu texto, destacou que o teatro “é unha arma de organización masiva” contra os problemas do mundo. Ademais, o tamén crítico teatral subliñou que a escena é “un espello para decatarnos de que somos moi malos: querémonos mal e matámonos moi ben». Dadas as circunstancias da actualidade, asegura,»o teatro debe poñer o mundo a andar».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar