«Paseo literario» na Alameda de Santiago

 

Paseo literario Alameda Santiago_Currás

Desde Dante ata Hemingway ou García Márquez, os grandes literatos inmortalizaron nas súas obras o Camiño de Santiago. O Concello quere recoller e resaltar estas citas e para iso a Alameda acollerá un «paseo literario» entre a Porta dos Leóns e a Estatua de Rosalía. A iniciativa foi presentada en rolda de prensa polo alcalde compostelán, Ángel Currás e e a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo. Pola tarde, visitarán o paseo.

Poucas cidades poden dicir que os máis grandes escritores de todos os tempos falaron dela. En libros da importancia de O Cantar do Mío Cid, A Divina Comedia, Os Contos de Canterbury, O Quixote, Viaxe a Italia ou O Ulises atopamos referencias á nosa cidade. Pero, como sinalou o alcalde, era preciso facer que este patrimonio inmaterial que é a literatura se materialice nas rúas do casco vello para que todos os cidadáns e visitantes sexan conscientes da importancia de Santiago na historia cultural de Europa.

Paseo literario Alameda Santiago

A iniciativa plásmase no «Paseo da literatura» na Alameda, onde se instalarán ao longo do paseo dos Leóns pedras grabadas coas citas máis relevantes. Hoxe colocaranse as dúas primeiras, a de Dante en Vita Nuova «pero en verdade se chaman peregrinos en canto van á casa de Galicia porque a sepultura de Santiago fíxose máis lonxe da súa patria que a de ningún outro apóstolo»; e unha de Rosalía sobre o Pórtico da Gloria, ao pé da súa estatua. Serán polo tanto dous paseos, un no que se recollan as citas de autores galegos e noutro, aquelas de autores españois e do resto do mundo.

Pero a integración da literatura non só se ceñirá á Alameda, senón que sairá a outras partes emblemáticas da cidade. Deste xeito colocarase un busto de Valle-Inclán na praza de Galicia, lembrando a súa presenza en Compostela o seu último ano de vida e as súas tertulias no vello Derby. E non podería faltar a cita atribuída a Goethe «Europa fíxose peregrinando a Compostela», que se ubicará na Porta do Camiño, onde xa se atopa unha placa coa declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade, e que poderá lerse en seis idiomas.

Esta actuación complétase co libro «Compostela, mil años de literatura», que recolle todas as citas e textos dos grandes autores da literatura univesal sobre a cidade de Santiago e o Camiño. Tanto o alcalde como a concelleira María Pardo sinalaron a importancia de iniciativas como estas para poñer en valor o patrimonio inmaterial da nosa cidade, así como a súa vertente didáctica. O proxecto realizouse en colaboración coa Fundación Laboral da Construción.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar