Santiago: Comeza «A Escola na cidade», con Maximino Zumalave

Maximino Zumalave_Escola Altos estudios musicais

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) pon en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do Curzo Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

O primeiro destes concertos de cámara celebrarase mañá xoves, 27 de marzo, no Auditorio da EAEM, ás 19:00 horas. O quintento de metais “Hercules Brass”, integrado por ex-alumnos do centro, a orquestra de cámara da escola e o coro “Concerto Tempo” estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave.

O acto suporá a estrea de obras de música contemporánea compostas polos alumnos do Curso de Composición da escola, que imparte o prestixioso compositor aragonés Antón García Abril dende 1998.

Con esta iniciativa a Escola implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas. Ao longo do mes de abril haberá varias actuacións no Paraninfo da Universidade de Santiago. Ademais, os alumnos terán a oportunidade de dar un concerto de fin de curso e un concerto extraordinario coa Real Filharmonía de Galicia.

EN ACTIVO DENDE 1977

A Escola de Altos Estudos Musicais é un centro público que imparte unha formación de excelencia dirixida a intérpretes novos. Ademais, organiza actividades divulgativas coa finalidade de contribuír á difusión da música entre públicos e colectivos máis amplos.

A Escola creouse en 1997 baixo a competencia da Xunta de Galicia e dende 2011 a súa xestión correspóndelle ao Consorcio de Santiago. Ao longo destes anos formáronse na escola máis de 1.800 alumnos, moitos dos cales tiveron a oportunidade de integrarse en orquestras profesionais ou no corpo de profesores de ensinanzas artísticas. Durante este período realizáronse uns 80 concertos públicos protagonizados por alumnos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar