Expertos na contaminación danse cita na Deputación de Ourense

Deputación Ourense_centro cultural Marcos Valcarce

Un seminario sobre «Planificación territorial e clima» reunirá en Ourense a expertos, alcaldes e técnicos para dar a coñecer boas prácticas locais e rexionais para reducir a contaminación por carbono.

A Deputación de Ourense colabora nun proxecto europeo que ten como obxectivo estudar os sistemas que permitan reducir a contaminación por CO2. Con este obxectivo, o próximo xoves 27 terá lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da capital ourensá un seminario sobre «Planificación territorial e clima», que reunirá a expertos, alcaldes e técnicos, para dar a coñecer exemplos de boas prácticas locais e rexionais que contribúen á redución da pegada do carbono.

Esta iniciativa desenvólvese no marco do Proxecto Climatlantic, e pretende divulgar as actuacións que en materia de redución da contaminación por CO2 se están levando a cabo no Plan Particip@ na Rede, que desenvolve a Deputación de Ourense.

O seminario contará con expertos académicos e científicos de Galicia e Portugal que abordarán a temática de redución do CO2 dende diferentes ámbitos, como son as aplicacións para o transporte público, as innovacións en materia de enerxía e mobilidade, a sostibilidade e os residuos, e mesmo as accións que cada cidadán pode realizar no marco dunhas boas prácticas ambientais.

Esta é unha das actividades incluídas no Proxecto Climatlantic, cofinanciado ao 65% polo FEDER, e que prevé a realización de varios foros e seminarios nas diferentes sedes dos socios deste proxecto (École D´Ingénieurs La Rochelle (Francia), South-East Regional Authority (Irlanda), Eixo Atlántico (Galicia – Norte de Portugal) e na Deputación de Ourense.

O obxectivo específico de Climatlantic é a posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono, referida ao CO2 que producimos os cidadáns na nosa vida diaria: a ida e volta en coche ó traballo, acender a luz da vivenda, un voo para ir de vacacións…, todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas, e cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen o quecemento global.

O partenariado do proxecto está formado polo Eixo Atlántico (España – Portugal), Agência Portuguesa do Ambiente (AGA – Portugal), Communauté d´Agglomération de Grand Angoulême (Francia), Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura (Xunta de Galicia), South East Regional Authority (Irlanda), Merseytravel (Reino Unido), Quimper Communaute (Francia) e a Escola de Enxeñeiros de La Rochelle.

O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER que ascende a 1.346.076 euros.

As actividades do Proxecto Climatlántic nas que participou a Deputación para contribuír á redución da pegada de carbono e a loita contra o cambio climático foron: a constitución de catro «Think Tank» para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible; realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución de emisións de gases efecto invernadoiro; promoción e realización de seminarios e congresos sobre esta temática, e posta en marcha de actividades de participación social de ámbito provincial dentro do Plan Particip@ na Rede.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar