Dia Mundial da auga, a árbore e a poesía no Carballiño

Dia da árbore e a poesía_Carballiño_Baltar

 

No Auditorio do Carballiño tivo lugar a conmemoración do Día Mundial da Auga, da Árbore e da Poesía, evento organizado pola Fundación Insua dos Poetas e o Centro PEN Galicia, co apoio do Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Nesta ocasión rendeuse homenaxe a Xosé María Díaz Castro, persoeiro a quen se dedica o Día das Letras Galegas 2014, e o acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; Luís González Tosar, presidente da Fundación Insual dos Poetas; Armando Requeixo, autor da obra Xosé María Díaz Castro. Vida e obra, e alumnos dos centros de ensino do Carballiño.

Manuel Baltar dixo na súa intervención que a auga, a árbore e a poesía, “estiveron presentes na idea de Luís González Tosar desde o mesmo momento no que concebíu este proxecto, ó que aportou un predio familiar que pasou a ser de uso público a partir da formalización da Fundación. O seu empeño nada ten que ver con outras institucións, destinadas a honrar a un escritor ou escritora ou con fins específicos; ecolóxicos, sociais, políticos ou culturais. Na súa singularidade está a grandeza da Insua dos Poetas”.

Tamén destacou Baltar que o goberno provincial ten entre as súas finalidades a preservación, mantemento e difusión das peculiaridades culturais, “no noso caso a ourensanía, e non podía permanecer alleo a este proxecto, co que seguiremos colaborando. E aínda máis, esta é unha iniciativa enraizada no espírito fraterno dos “bos e xenerosos”, como nos define o himno de Pondal, ou sexa, no galeguismo, que nós asumimos como o que é, defensa da identidade propia de Galicia; unha terra, un pobo e unha fala”.

O presidente provincial subliñou: “Ou se é galeguista, ou non se é. O galeguismo non necesita adxectivos cualificativos nin matices, o que cómpre é que a diario, en todos e cada un dos nosos ámbitos de actuación, respondamos como galeguistas, sen complexos nin aires de superioridade”. “Paga a pena –rematou Baltar- que reflexionemos na mensaxe de Díaz Castro, no seu exemplo de galego que tivo que emigrar a Madrid, no seu compromiso e lealdade “ás vellas cousas cheas de destinos”, no seu afán por aprender idiomas para abrirse ó mundo, e no seu convencemento de que “a esperanza é o amor”.

A Fundación “Insua dos Poetas” conmemora esta efemérides coincidindo co equinoccio de primavera: dunha banda, o Día da Auga, proposto pola Conferencia da ONU para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento en Rio de Janeiro, en 1992, e adoptado pola Asemblea Xeral, o 22 de decembro do mesmo ano, no que se recoñece a auga potable e o saneamento básico como un dereito esencial para o disfrute da vida e de todos os dereitos humanos.

Tamén se recoñece o Día da Árbore -tamén chamado Día Forestal Mundial-, recomendado polo Congreso Forestal celebrado en Roma en 1969 e aceptado pola FAO (Organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación), en 1971, como recoñecemento aos múltiples servizos que prestan as árbores á vida e á actividade humana, ademais do simbolismo que representan nas diferentes culturas.

E finalmente, o Día da Poesía, adoptado durante a 30ª Reunión da UNESCO, celebrada en París en 1999 e que se ven celebrando desde o 2000 en todo o mundo co obxectivo de contribuír á defensa de todas as linguas do mundo a través da expresión poética, denunciando, asimesmo, as privacións da liberdade de expresión.

A Fundación “Insua dos Poetas”, declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura. Polo tanto, a celebración da Auga, da Árbore e da Poesía, cada ano terá como destinatarios ás xeracións máis novas, representadas neste caso polos alumnos dos centros de Ensino do Carballiño.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar