Desarticulada en Pontevedra unha banda que roubaba coches de alta gama

A Garda Civil desarticulou unha rede organizada que se dedicaba ao roubo de coches de alta gama que posteriormente despezaban nunha nave situada en Salceda de Caselas, en Pontevedra, para vender as súas pezas.

As investigacións iniciáronse a finais do ano pasado, despois de que os axentes tivesen coñecemento de que, nunha empresa de Vigo dedicada á reciclaxe de metais, compraran para ferralla pezas de vehículos de alta cilindrada, fundamentalmente da marca BMW.

Ante a posibilidade de que estas pezas fosen roubadas, a Garda Civil de Pontevedra iniciou a denominada ‘Operación Pezas’, que permitiu a localización dunha nave no municipio de Salceda de Caselas na que, supostamente, se estaban despiezando os vehículos que se subtraían en diversos puntos da xeografía nacional, especialmente en Madrid.

En concreto, a primeira fase da investigación concluíu na madrugada do pasado venres coa detención dun cidadán de nacionalidade búlgara, con residencia en Madrid, H.R.M., de 39 anos. O home foi sorprendido cando chegaba á nave cun coche que roubara na cidade de Ourense. Esta persoa viña acompañada do arrendatario da nave, I.A.G., de 35 anos, veciño de Salvaterra, que tamén foi detido.

Posteriormente, os axentes da Garda Civil detiveron a R.C.P., de 35 anos, veciño do Porriño, pola súa relación coa actividade ilícita que xestionaba e dirixía o responsable da nave.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar