Trinta responsables de gobernos provinciais inician un encontro en Ourense

Baltar_Deputación Ourense_Xornadas de gobernos provinciais_MELLOR

No Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a primeira xornada da 1ª Conferencia de presidentes de gobernos provinciais de España, que reúne en Ourense a preto de trinta responsables de gobernos provinciais co obxectivo de debater sobre o futuro destas administracións e propoñer accións que favorezan a cooperación e o traballo en rede entre elas. Esta xuntanza, que comeza hoxe e que se prolongará ao longo da fin de semana, está organizada pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, organismo que agrupa a 22 gobernos provinciais de España.

Na xornada inaugural, o anfitrión e promotor desta iniciativa, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou «a necesidade de reformar o funcionamento e competencias das administracións públicas e os proxectos lexislativos, así como de mellorar o coñecemento que ten a cidadanía da realidade dos gobernos provinciais». Baltar subliñou que o obxectivo desta conferencia «é facer oír a voz das deputacións dun modo o máis unitario posible sobre propostas nas que predomine o consenso. Unha oportunidade para transmitir á cidadanía catro mensaxes claros sobre os que cimentar o futuro: modernidade, eficacia, transparencia e achegamento».

Manuel Baltar afirmou que os gobernos provinciais do século XXI «deben ser rigorosos, transparentes, éticos, intelixentes (electrónicos), verdes, humanos e, por suposto, é o momento perfecto para exercitar a palabra clave: cooperación». Asemade, defendeu a necesidade dunha tripla reforma: competencial, de financiamento e de réxime electoral, e engadiu que coa nova lei de racionalización e sostibilidade «asistimos a unha nova etapa na administración local nun contexto onde todo é debatible e onde estamos a pasar da era da administración á de xestión de servizos, e cada cidadán ten o dereito e o deber de auditar, un papel profundamente activo».

«BURBULLA ADMINISTRATIVA»

Baltar falou do que denomina a «burbulla administrativa». «Imponse a necesidade de racionalizar a administración, de eliminar duplicidades e solapamentos, e de deseñar un mapa claro, tanto de competencias como de procedementos, todo pola seguridade xurídica e por unha aposta pola humanización da política pensando sempre no cidadán».

O presidente provincial destacou que a nova lei dota ás deputacións dun protagonismo evidente, «apuntalando a súa posición no ámbito dos niveles do goberno local», e que as deputacións «seguirán xogando un papel determinante no fomento do desenvolvemento económico e social do territorio». «As deputacións están chamadas a repensarse a si mesmas –apuntou- para fortalecer a súa posición institucional. En Ourense apostamos polo fortalecemento institucional, afondando nunha dirección pública profesional e nunha cualificación técnica do persoal como eixe estratéxico de futuro. Todo dentro dun marco de contención presupostaria e con obxectivos de sostibilidade financeira».

Baltar chamou a aproveitar unha estrutura que debe ser fundamental na asistencia económica, xurídica e técnica os concellos, que sirva para realizar a «fusión de servizos»: xestionar servizos intermunicipais previa delegación nas deputacións das competencias dos concellos. «Esta é a filosofía que guía o novo texto lexislativo, a que vimos practicando na Deputación de Ourense, pois entendemos a deputación dende unha dobre perspectiva: diferenciando goberno provincial de administración provincial; un goberno que ten tres eixes sobre los que actuar: territorio, poboación e identidade».

O acto inaugural contou cunha conferencia maxistral a cargo de Santiago Muñoz Machado, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense e membro da Real Academia Española.

Mañá sábado, ás sesións de traballo terán lugar no Hotel Balneario Laias Caldaria, en sesións de mañá en tarde. Entre as temáticas que se abordarán figuran a proposta de modificación do réxime electoral; a deputación como concello de concellos, a xestión cultural ou os novos retos para as deputacións, sinaladamente nos ámbitos do medio rural, os servizos a municipios e o desenvolvemento económico. Posteriormente os presidentes provinciais trasladaranse o Pazo de Vilamarín para visitar a exposición permanente de Xaime Quessada. O domingo, día 23, celebrarase a sesión de clausura coa lectura da declaración conxunta, acto que terá lugar no Teatro Principal de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar