Feijóo plantexa a internacionalización como escenario «para desenvolver as nosas capacidades»

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, insistiu hoxe, durante a apertura do II Congreso Ibérico de Enxeñeiros Novos e Emprendedores, nas oportunidades que a internacionalización ofrece para desenvolver as nosas capacidades nos distintos sectores en calquera lugar do mundo. “O mundo é hoxe global e vai seguir sendo global cada vez con máis intensidade. E, por iso, cometeriamos un erro histórico se lle virásemos as costas a esa realidade que nos está a ofrecer a posibilidade de desenvolver as nosas capacidades nos distintos sectores en calquera lugar do mundo. Temos que estar aí porque podemos estar e porque contamos cun coñecemento, talento e experiencia que a maioría dos países que están crecendo e que se porán no ránking dos primeiros países do mundo non teñen”, dixo, logo de invitar aos asistentes a afondar nese camiño.

Neste mesma liña, e durante a súa intervención, o presidente da Xunta fixo fincapé en que, ademais de que moitos dos países nos que Galicia e España teñen axenda exterior están levando a cabo grandes proxectos de investimento, o noso país conta cunha carta de presentación inmellorable: a nosa experiencia. “Máis alá das nosas fronteiras se nos recoñece pola nosa capacidade, polo noso esforzo e polo noso talento”, afirmou, poñendo como exemplo concreto os contratos de Pemex materializados nos últimos meses; contratos -puntualizou- que terían sido imposibles sen a profesionalidade e sen a capacidade tecnolóxica que acumulou durante décadas o sector naval galego.

Así mesmo, afirmou que nestes últimos días nos que tivo a oportunidade. xunto ao conselleiro de Economía e e Industria, Francisco Conde, de compartir varias xornadas de traballo con emprendedores e con representantes políticos de México e Panamá puido constatar que tamén é así como nos ven. “Tivemos a ocasión de visitar México, a terceira economía do continente, que está facendo infraestruturas e que necesita unha enorme capacidade tecnolóxica para a explotación dos pozos petrolíferos. E tamén visitamos Panamá, unha plataforma portuaria entre o océano Atlántico e o Pacífico que está crecendo. En ambos os dous países existe unha enorme capacidade para seguir traballando e, en ambos os dous, nos ven como unha nación, España, cunha grande capacidade instalada de talento e de coñecemento”.

Nesta aposta pola internacionalización, Feijóo garantiu o compromiso e esforzo da Xunta reflectido, por exemplo, nunha Lei do emprendemento en vigor, e co obxectivo de facilitar que se poida instalar en Galicia calquera empresa ou proxecto empresarial que así o desexe.

Ademais da internacionalización, o titular do Goberno galego avogou por seguir apostando pola innovación. “Con fondos europeos que presentaremos -avanzou-, a vindeira semana co comisario de Fondos da Unión Europea, orientados basicamente á innovación da economía galega”.

Así mesmo, destacou o esforzo do Executivo autonómico para cumprir coa responsabilidade de ter as súas contas en orde. E, nesta liña, lembrou que Galicia leva cinco anos consecutivos cumprindo cos criterios de déficit “e vai seguir sendo unha comunidade solvente, coas súas contas ordenadas e con credibilidade”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar