As chuvias duplicáronse o inverno recén rematado

Chuvias inverno 2014_mapa
O inverno 2013-2014 foi o cuarto máis chuvioso dende o ano 1961 e o que o que rexistrou máis precipitacións dende 2001, ao situarse a media en 777 litros acumulados por metro cadrado, o que representa un 51 por cento máis do normal.

O director de MeteoGalicia, Vicente Pérez, fixo público o informe climatolóxico do inverno que acaba de rematar, durante a xornada de portas abertas que este venres se celebra na sede deste departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente, como adianto á conmemoración, o próximo domingo, día 23 de marzo, do Día Mundial da Meteoroloxía.

Segundo indicou, este inverno destacou, principalmente, polo número «anormalmente alto» de borrascas de orixe explosiva que afectaron a Galicia, comezando coa denominada Dirk, os días 23 e 24 de decembro, e rematando con Ulla, o 14 de febreiro. Entre elas, houbo outras cinco.

O director de MeteoGalicia sinalou que este tipo de borrascas trouxeron ventos moi fortes, con refachos superiores aos 100 quilómetros por hora, e chuvias por momento intensas. Foi a combinación de chuvia e vento o que ocasionou numerosos problemas nas infraestruturas.

A consecuencia no mar destas borrascas profundas e de rápido desenvolvemento foi un mar de fondo moi forte, dando lugar a que se establecesen sete alertas vermellas por este fenómeno. Este tipo de ondas, con moita enerxía, causaron tamén numerosos danos na costa.
PRECIPITACIÓNS

En relación coas precipitacións, o inverno destacou pola cantidade de precipitacións e, sobre todo, polo elevado número de días con chuvia. A precipitación media foi de 777 litros por metro cadrado, o que representa un 21 por cento máis do normal.

Neste sentido, destacan os datos rexistrados en Santiago de Compostela choveu durante 76 dos 90 días do inverno, dos que 43 foron consecutivos –do 11 de xaneiro ao 22 de febreiro–.

O mes de decembro comezou con dúas semanas caracterizadas polo bo tempo e a ausencia de chuvia, seguido dun período de paso de frontes moi activas, destacado a madrugada do día 24 de decembro, cando se rexistraron valores moi altos de precipitación en moitas localidades galegas.
TEMPERATURAS

Vicente Pérez sinalou que, no ámbito das temperaturas, o inverno foi bastante variable, posto que comezou cun período de dez días no que se deron fortes xeadas que foron as responsables de que as temperaturas quedasen por debaixo da media climática.

A segunda quincena de decembro estivo marcada por temperaturas os valores máximos das cales resultaron normais, polos ventos de sueste que deixaron valores diúrnos bastante suaves. O mes de xaneiro resultou cálido debido á frecuente presenza de borrascas, que deixaron moitos días de temperaturas suaves.

O inverno rematou cun febreiro no que as temperaturas estiveron por debaixo do normal, sobre todo, nos valores diúrnos, xa que non houbo grandes episodios de xeadas. A presenza de vento e novos, fixo que as temperaturas non subisen durante o día e que baixasen durante a noite.

As zonas de altas montañas das provincias de Lugo e Ourense, rexistraron as temperaturas máis baixas. No litoral rexistráronse os valores máis altos nesta variable.
DÍA METEOROLÓXICO MUNDIAL

A xornada de portas abertas celebrada este venres, xorde como actividade previa á conmemoración do Día Mundial da Meteoroloxía, que se celebra o próximo domingo, día 23 de marzo.

Así, ao longo deste venres, os interesados poden visitar as instalacións de MeteoGalicia, onde se explicará o funcionamento dos distintos departamentos, así como a elaboración das previsións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar