A Xunta crea «o Sergas» dos servizos sociais

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou, tras o Consello da Xunta, a creación da Axencia galega de Servizos Sociais, o que cualificou como “unha das decisións de maior calado dentro da reorganización da estrutura organizativa” da Administración autonómica, que en medios xornalísticos se deu en chamar «o Sergas» dos servizos sociais.

Así, segundo dixo, o decreto aprobado polo Executivo autonómico suporá a creación dunha axencia que “unificará a xestión de todo o que ten que ver cos servizos sociais públicos na comunidade e as máis de 4.000 persoas que garanten o funcionamento de preto de 300 equipamentos”. Dese xeito, engadiu, evitaranse duplicidades e se racionalizarán os recursos, conseguindo menos custes, máis eficacia e maior calidade nos servizos que se prestan aos cidadáns.

Rueda precisou que con este decreto dáse o último paso nun proceso dunha enorme complexidade tanto na súa concepción como na súa aplicación. Así, indicou que o proceso foi complexo, en primeiro lugar, polas dimensións da futura axencia, “a máis grande, non só de todas as que teñen creado ata o de agora, senón tamén, probablemente, das que se creen no futuro dentro deste proceso de racionalización da Administración autonómica”. En segundo lugar, complexo porque involucra non só a distintos departamentos da Xunta, senón tamén a varias administracións. E, finalmente, complexo pola disparidade de centros e de persoal que hai que unificar na nova axencia.

O vicepresidente do Executivo galego salientou que as “evidentes” vantaxes que implica a creación da Axencia galega de Servizos Sociais. Así, referiuse a que a súa posta en marcha responde a un mandato legal recollido na Lei de Servizos Sociais desde 2008, ao tempo que dá continuidade á liña de racionalización emprendida desde 2009 para contar cunha Xunta máis pequena e máis eficaz.

Para Alfonso Rueda, o máis importante é que Axencia traerá “importantes vantaxes para os cidadáns e para a propia Administración”. Nese sentido, destacou que suporá a unificación, nunha única persoa xurídica, de todos os recursos humanos e materiais dos que dispón o Goberno galego para prestar os servizos sociais. É dicir, que se van agrupar baixo un único paraugas miles de traballadores que desenvolven o seu labor en preto de 300 equipamentos sociais e 3 órganos administrativos, que son o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Secretaría Xeral de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

“A unificación traducirase, ademais, en máis eficacia nos servizos sociais públicos, ao poder xestionar con criterios moito máis homoxéneos e evitar de xeito definitivo a duplicidade de estruturas”, salientou, e engadiu que a Axencia fará posible prestar os servizos con menos custes, “o que permitirá obter marxes económicos para seguir mellorando a calidade de servizos sociais públicos” como ven facendo o Goberno galego nos últimos anos.

No tocante á calidade, Rueda salientou que a fusión dos recursos facilitará que as carteiras de servizos sexan unha realidade “de forma máis rápida e ordenada. “A ídea é aplicar aos servizos sociais públicos un modelo similar ao que supón a existencia do Servizo Galego de Saúde para a xestión da sanidade pública”, resaltou.

En relación co cronograma de posta en marcha da Axencia galega de Servizos Sociais, Alfonso Rueda salientou a previsión da Xunta é que sexa constituída nun prazo de tres meses, coa reunión do consello reitor, e que nos tres meses seguintes se porá en funcionamento para ir asumindo progresivamente as escolas infantís da Dirección Xeral de Familia, ao tempo que se comezan a asinar os correspondentes convenios cos concellos que agora dependen do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Concretou que o obxectivo é que a axencia poida ter asumido en 2015 a totalidade de centros do Consorcio, e parte dos servizos sociais que agora mesmo se están a prestar nos diferentes centros da Administración autonómica.

Rueda subliñou, por último, que o novo organismo seguirá estando rexido, tamén, polos principios de colaboración co que se levan prestando os servizos sociais nos últimos anos. E, deste xeito, continuarase contando cos concellos, que terán representantes –propostos pola Fegamp- no Consello reitor.

Tema: Benestar

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar