Ourense acolle esta semana a primeira Conferencia de presidentes provinciais

Deputación Ourense_centro cultural Marcos Valcarce
O obxectivo é debater o novo escenario dos gobernos locais intermedios, compartir experiencias de xestión e concluír o encontro cunha declaración conxunta das institucións provinciais.

Ourense acollerá os vindeiros venres, sábado e domingo a primeira Conferencia de presidentes de gobernos provinciais de España, unha proposta que o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expuxo en decembro pasado na Comisión Permanente da Fundación Democracia e Goberno Local, organismo que agrupa a 22 gobernos provinciais. O obxectivo da conferencia é reunir a presidentes de entes provinciais «para debater xuntos por primeira vez o novo escenario e o papel dos gobernos locais intermedios, compartir experiencias de xestión e concluír o encontro cunha declaración conxunta das institucións provinciais», afirma Baltar.

O presidente provincial suxeriu as datas do 21 ao 23 de marzo de 2014 para a celebración da conferencia, días despois da conmemoración do 201 aniversario da Constitución de Cádiz.

Baltar entende que unha conferencia que reúna a presidentes provinciais de España «servirá para achegar posturas e traballar de maneira coordinada diante dun novo escenario de xestión local que se abre e que beneficiará aos pequenos e medianos concellos e aos seus cidadáns con máis servizos, mellores e de maior calidade».

No que atinxe á Deputación de Ourense, Baltar destacou que no ano 2014, a institución ourensá completará a súa oferta para a xestión compartida da totalidade de servizos sinalada pola lei, «partindo sempre do máis absoluto respecto á autonomía municipal, para converter á administración provincial nunha completa plataforma de servizos a prol dos concellos».

A conferencia celebrará o acto inaugural o venres, día 21, ás 18.30 horas, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, cunha conferencia maxistral a cargo de Santiago Muñoz Machado, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense e membro da Real Academia Española. O sábado, día 22, ás sesións de traballo terán lugar no Hotel Balneario Laias Caldaria, en sesións de mañá en tarde, e posteriormente os presidentes provinciais trasladaranse o Pazo de Vilamarín para visitar a exposición permanente de Xaime Quessada. O domingo, día 23, celebrarase a sesión de clausura coa lectura da declaración conxunta, acto que terá lugar no Teatro Principal de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar