Cultura apoiará as feiras do libro deste ano

Conselleiro de Cultura Vázquez Abad_Feiras do Libro Galicia_Gaiás

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá neste ano preto de 275.000 euros na promoción do sector do libro galego a través do apoio deste departamento ás Feiras do Libro de Galicia 2014, así como á participación das editoriais galegas en 4 feiras internacionais: Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalaxara (México). Así o explicou en rolda de prensa o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, que salientou o esforzo – cun investimento do 11,1% máis ca no 2013- que a Consellería está a facer para a promoción e difusión do sector galego do libro, tanto na nosa propia comunidade coma no exterior. “O contexto económico non é favorable, pero a Consellería é consciente da importancia destas feiras, tanto para achegar o libro á cidadanía como para promover a difusión das nosas editoriais e da lingua galega alén das nosas fronteiras. De feito, as Feiras do Libro de Galicia rexistraron o ano pasado 310.000 visitantes, que gozaron das máis de 360 actuacións e actividades realizadas”, dixo.

Consciente de este éxito e da satisfacción dos visitantes coas actividades complementarias incorporadas ás feiras do libro en Galicia – música, teatro, e diversas manifestacións escénicas – a Consellería amplía en 2014 – por segundo ano consecutivo- a súa colaboración, de 11 a 12 feiras, incluíndo a de Ribadeo. Deste xeito, o calendario de feiras iniciarase o vindeiro 24 de abril en Santiago de Compostela, onde permanecerán as casetas ata o 4 de maio. O calendario pecharase do 27 ao 30 de agosto en Monforte, e antes terán pasado tamén por Pontevedra (6 a 11 de maio), Lugo (13 a 18 de maio), Vigo (23 de maio a 1 de xuño), Ourense (3 a 8 de xuño), Ferrol (11 a 15 de xuño), Ribadeo (17 a 20 de xullo), Rianxo (24 a 27 de xullo), A Coruña (1 a 10 de agosto), Viveiro (14 a 17 de agosto) e Foz (27 a 30 de agosto).

Así mesmo introduciranse novas iniciativas na programación de actividades. Así, ademais das habituais presentacións e sinaturas de libros nas casetas, volveranse ofertar diferentes actividades centradas nos sectores da gastronomía, música, teatro, danza, cine ou ciencia, todas elas vinculadas ao sector do libro e co fin de potenciar á lectura entre os diferentes públicos que visitan as feiras. “Neste sentido- sinalou o conselleiro. este ano ademais queremos fomentar que os centros educativos participen nas feiras do libro, organizando accións especiais para colectivos escolares cando estas citas se celebren dentro do período lectivo”. Ademais, e como novidade, as bibliotecas centrais territoriais (bibliotecas nodais), ademais de estar presentes nas feiras correspondentes ás súas cidades, desenvolverán tamén diversas actividades para enriquecer a programación da feiras do libro.

Así mesmo estimularase a vinculación das agrupacións culturais, colectivos veciñais, ou escolas de música, entre outras, de cada unha das zonas nas que se celebren as feiras, “de tal forma que poidamos organizar en colaboración con eles a oferta de actividades de teatro, danza, e incluso demostracións profesionais ou tradicionais. Unha nova aposta da Consellería de Cultura e Educación polos artistas de base e polas compañías galegas, contribuíndo a impulsar o sector editorial, así como tamén outros sectores, favorecendo a súa visibilidade e xerando emprego”, salientou Vázquez Abad.

O LIBRO GALEGO NO EXTERIOR

A maiores destas Feiras do Libro de Galicia, a Consellería vai volver apoiar este ano a presenza das editoriais galegas nas principais citas internacionais, en concreto na de Boloña (do 24 ao 27 de marzo), na de Buenos Aires (do 24 de abril ao 12 de maio), na de Frankfurt (do 8 ao 12 de outubro) e na de Guadalaxara (do 29 de novembro ao 7 de decembro). O obxectivo da participación nestes eventos culturais é impulsar a competitividade da literatura galega no mercado internacional, apoiando aos creadores e fomentando a innovación na edición, distribución e promoción do libro galego no exterior. “Para iso, a Xunta, en colaboración coa Asociación Galega de Editores, asume a organización, xestión e control de todas as actividades relativas ao stand, persoal e envío de material, así como a edición de materiais promocionais”, anunciou o conselleiro.

“É preciso salientar – dixo Xesús Vázquez- que nos últimos meses a Consellería mantivo un diálogo fluído con representantes do sector para reforzar a proxección de Galicia nestas citas, especialmente no que atinxe ao intercambio comercial. De feito, xa estamos a traballar no impulso e planificación da actividade a desenvolver nas feiras, na preparación do material promocional ou na incorporación de produtos dixitais, no marco do diálogo que estamos a manter coas empresas do sector”.

O conselleiro quixo aproveitar a rolda de prensa para agradecer a libreiros e editoriais “os esforzos que están a facer nestes tempos difíciles para manter establecementos, oferta cultural, empregos…, e facelo ademais novas vías para a difusión da cultura galega, desde unha actitude de aposta pola innovación”. “Grazas polo voso traballo, moitas veces invisible, pero imprescindible para a sociedade galega”, destacou.

Na rolda de prensa participaron, ademais, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado; e máis a presidenta e vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez e Antón Pedreira; así como o secretario da Federación, José Manuel García; o seu tesoureiro, Francisco Negro, e a coordinadora das feiras, Nani Regueira.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar