O Museo de Pontevedra acolle a presentación da obra «Pazos galegos»

Sexto edificio do Museo de Pontevedra.
Sexto edificio do Museo de Pontevedra.

O Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo acollerá hoxe, martes, ás 20,00 horas, a presentación do libro Pazos Gallegos. Materiales para su estudio. Trátase dunha obra coa que a Deputación de Pontevedra saca á luz diversos materiais froito dun longo traballo comezado en 1840 por Miguel Durán-Loriga y Salgado.
O obxectivo de Durán-Loriga, animado polo seu vello amigo o doutor López Suárez “Xan de Forcados”, era a edición dunha publicación sobre os pazos e casas señoriais de Galicia. Para colaborar con el e abordar a vertente histórica e xenealóxica da obra contaban con Antonio Taboada Roca.
O proxecto consistía en publicar unha primeira parte con estudos monográficos duns 300 pazos galegos e, de cada un deles, habería unha descrición arquitectónica da casa e o seu contorno, completada con planos, debuxos e fotografías realizados todos por Durán-Loriga. Taboada Roca engadiría o referente á historia do pazo e dos seus señores. Completaríase a obra con documentos históricos, árbores xenealóxicas e outra documentación que existise e que figuraría nos apéndices.

 

ESTUDO INCLUSO

Pero a morte de Durán-Loriga en 1950 deixou inconcluso o traballo. Malia todo, os cinco veráns (de 1945 a 1949), que Miguel Durán-Loriga e Antonio Taboada Roca percorreron gran parte de Galicia para estudar directamente os pazos deu lugar a multitude de notas, debuxos, planos e fotografías realizados todos por Durán-Loriga e que hoxe en día forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra, despois de que os seus fillos, Juan e Miguel, os entregasen a esta institución en 1981.
A Deputación de Pontevedra quixo contribuír a que este arduo traballo non quedase no esquecemento e agora sácao á luz nunha obra de utilidade incuestionable para o estudo da arquitectura e a cultura dos pazos galegos.
Na presentación da obra participará a deputada Ana Isabel Vázquez e o fillo do autor, Juan Durán-Loriga Rodrigáñez, diplomático e embaixador de España en distintos países, que contará de primeira man a ardua tarefa realizada polo seu pai e que culmina con esta publicación.
Ademais, a presentación complementarase coa exposición dunha selección da documentación que deu orixe á publicación e entre a que figuran notas manuscritas descritivas, debuxos e planos realizados a man e sobre o terreo, así como fotografías.
Documental sobre José Gil
Por outra banda, o Museo acolle tamén esta semana a presentación dun documental sobre José Gil, considerado como o primeiro cineasta galego.
Baixo o título, José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine, Miguel A. Romero achéganos á vida e paixón de José Gil, autor da considerada primeira película galega de ficción Miss Ledya, producida en 1916.
José Gil (Rubiós, 1870 – Vigo, 1937), traballaba inicialmente en Mondariz e Ourense, pero xa en 1904 se trasladou a Vigo, en busca dun mercado novo no que traballar sen competencia.
Alí, o seu gabinete fotográfico chegou a ser o máis importante da cidade. Malia todo, nos primeiros anos do século XX a vida destes gabinetes comezou a declinar e os fotógrafos tiveron que buscar novos camiños.
Un deles foi o reporteirismo fotográfico, que José Gil desenvolveu na revista ilustrada Vida Gallega, fundada polo insigne xornalista Jaime Solá.
O outro camiño era o do cine, e tamén neste destacou José Gil.
Coa súa empresa, Galicia Cinegráfica, retratou a sociedade galega e o mundo da emigración, tema principal na súa obra, loitando por establecer as bases dunha industria cinematográfica en Galicia. Empresario emprendedor y polifacético, foi representante da marca Ford e Texan para Galicia e ideou tamén diferentes inventos, como o Automotor Cine, un vehículo provisto dun proxector cinematográfico co que tratou de levar os seus filmes aos lugares máis recónditos do territorio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar