Máis cota da xarda, máis oportunidades para a nosa flota

Temos razóns dabondo para felicitarnos polo positivo que, para o conxunto da flota galega, será o novo acordo sobre o reparto da xarda, asinado entre a Unión Europea e os Estados costeiros do caladoiro Atlántico Nordeste.

Supón un paso de relevancia se temos en conta que desde o ano 2009 non foi posible acadar un acordo similar, ante a negativa dos países norteños que non querían limitar a pesca desta especie, nin os desembarcos.

Pero quizá o aspecto máis importante esta en que esta decisión dará lugar a un notable incremento das posibilidades de pesca –das oportunidades de traballo para os nosos profesionais do mar– ao aumentar nun 77% a cota inicial (deducidas as sancións por sobrepesca) ou nun 136% se o comparamos coa cota da que dispuxo España en 2013.

Non debemos equivocarnos, esta decisión non chega dun día para outro. Senón que é froito de máis de dous meses de duras e complicadas negociacións e dun traballo liderado polas administracións galega e española que teñen amosado –e sería inxusto non recoñecelo- a súa capacidade de trasladar ante á Europa as demandas e necesidades da nosa flota.

A presión de Galicia, de España, tivo o seu efecto e, nese camiño, contou con aliados como Irlanda e Reino Unido un feito que ai anos podería parecer impensable. Non contou coas forzas políticas da oposición que, mentres por unha banda, se sumaban ás protestas de cara á galería, pola outra votaban en contra das iniciativas impulsadas polo Partido Popular no Parlamento de Galicia, para promover sancións contra Islandia ou as Illas Feroe, medidas de presión que tamén contribuíron a que a sinatura deste acordo fora posible.

O movemento amósase andando. Queda claro que había un Goberno e unhas administracións traballando desde o primeiro día en apoio do sector. Queda clara a aposta pola pesca responsable e por unha xestión sustentable dos stocks pesqueiros constitúe un compromiso dos nosos profesionais do mar, os primeiros interesados en garantir o futuro da actividade pesqueira e o bo estado dos caladoiros

Hoxe observamos como mentres outras administracións foron incapaces de controlar a sobrepesca, consecuencia do cal sufrimos sancións, os responsables políticos actuais traballan desde o primeiro día en mellorar as condicións do sector. Os números non enganan: Hoxe á flota do cerco galega disporá dunha cota de 3.400 toneladas fronte as algo máis de 1.600 que pescou en 2013.

Jose Manuel Balseiro Orol é voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular e Secretario do Parlamento de Galicia

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar