Atopan nos xulgados da Coruña un expediente da guerra civil contra Casares Quiroga

Expediente incautación bens Casares Quiroga 1936

 

Os traballos de organización e clasificación realizados polo persoal encargado do arquivo da Xunta nos xulgados de A Coruña sacaron á luz un expediente iniciado a finais da Guerra Civil para incautar os bens do último presidente do Consello de Ministros da Segunda República, Santiago Casares Quiroga.

O documento de Casares Quiroga foi atopado durante o proceso de relación de expedientes no arquivo común no xulgado de Primeira Instancia número 2 de A Coruña. Neste caso o expediente, ao ser anterior aos anos corenta, non ten que pasar pola Xunta de Expurgo, xa que se considera de interese patrimonial e se trasladará directamente ao Arquivo do Reino de Galicia, habida conta do valor deste documento e da figura histórica á que fai referencia.

En 1938 a Comisión Provincial de Incautacións de Bens de A Coruña acordou instruír un expediente sobre declaración de responsabilidade civil contra Santiago Casar Quiroga tras as indagacións realizadas respecto á súa conduta, ideoloxía, traxectoria política, actuacións levadas a cabo e participación en revoltas.

Así, Casares Quiroga é declarado por sentenza do 7 de marzo de 1940 incurso de responsabilidade política polo Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas, impoñéndolle como sanción 15 anos de inhabilitación absoluta, outros 15 anos de «estranamento» –pena de exilio forzado– e o embargo total dos seus bens. Ademais, acordan tamén propoñer ao Goberno a perda da nacionalidade.

A partir desta sentenza, empézanse a levar a cabo todas as actuacións necesarias para facer efectivas as sancións e iníciase toda a parte referente ao embargo dos bens de Casares Quiroga, que se adxudican ao Estado. Para poder realizar esta acción, fixéronse indagacións de todas as súas pertenzas, realizando inventarios da súa biblioteca, aparellos e bens mobles e inmobles. Estes inventarios acompáñanse de títulos de propiedade, polo que o expediente achega escrituras do século XIX.

O groso do expediente do expresidente da República desenvolveuse entre os anos 1938 e 1945, aínda que tamén existe unha providencia datada o 3 de decembro de 1966 na que se ordena o arquivo do expediente por aplicación do decreto de indulto do 10 de novembro de 1966.

Santiago Casares Quiroga (A Coruña, 1884-París, 1950) foi un político galleguista e avogado. Chegou a ser presidente do Goberno da República entre maio e xullo de 1936. En 1931 formou parte do primeiro gabinete republicano e converteuse en ministro da gobernación. Foi o máximo líder galego, elixido deputado ás Cortes por A Coruña e encargouse de fusionar a Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) coa Esquerda Republicana de Manuel Azaña. Ao finalizar a Guerra Civil exiliouse a Francia, onde permaneceu o resto da súa vida.

EXPURGO

Mediante a labor de expurgo, está a levar a cabo un inventario dos inxentes fondos documentais que gardan os xulgados galegos determinando cáles son dignos de conservarse polo seu interese histórico e cales se poden eliminar.

Con esta medida, prevese que as sedes xudiciais galegas gañen un 75 por cento de espazo, ao tempo que se facilita o acceso á documentación que queda, co fin de conservar o patrimonio galego, como é o caso do expediente recentemente atopado.

En Galicia existen 50 arquivos xudiciais, os do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as catro Audiencias e os 45 partidos xudiciais; algúns deles con expedientes que datan dos seus inicios a comezos do século pasado. O Goberno galego estima que, en total, estean almacenados uns 3 millóns de expedientes, con máis de 150 millóns de folios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar