Feijóo anima aos empresarios galegos en México a que actuén como «directores comerciais de Galicia»

 

Feijóo_Escotet_xuntanza galegos México DF
Escotet achegouse desde Caracas para participar no encontro de Feijóo co empresariado galego en México.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convidou este venres aos empresarios galegos de México a que pensen na comunidade galega e a que fagan de “directores comerciais de Galicia en México”. Trátase, dixo, “dunha función que me consta que xa asumen, pero ás veces de forma inconsciente, e que a min me gustaría explicitar dunha forma máis concreta: eu propóñolles a vostedes que asuman coa súa terra, coa terra dos seus pais, coa terra dos seus avós, o compromiso de ser, por que non, os directores comerciais de Galicia en México”.

Durante o encontro empresarial sobre Oportunidades de investimento e internacionalización, no que participou este venres xunto ao conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o mandatario autonómico convidou ao empresariado a pensar en Galicia: “Cando vostedes teñan unha oportunidade de que é necesario aquí facer algo, pensen que alí, ao mellor, o estamos facendo; cando teñan vostedes unha necesidade da industria agroalimentaria, pensen que temos a primeira cooperativa de Europa que dá emprego a 6.000 persoas, basicamente na provincia de Ourense e na provincia de Lugo”; “cando vostedes pensen que viño se pode tomar, pensen que os mellores viños do mundo son os galegos”. “Pensen vostedes, polo tanto, que poden facer un gran servizo ao seu país desde aquí”, subliñou o presidente da Xunta.

Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico lembrou que a el lle tocou xestionar Galicia en época de dificultades económicas: “Levamos xa cinco anos de vacas fracas”, pero “estamos xa vendo o final do túnel”, sinalou.

Nesta liña, explicou ao empresariado galego de México que Galicia tivo unha recesión menor que España; cun paro menor que España, un déficit público tamén menor; e unha débeda pública menor “que a inmensa maioría das comunidades autónomas”. “Galicia foi o ano pasado a primeira comunidade autónoma no Índice de Produción Industrial, é dicir, a nosa industria foi a primeira de España”, engadiu Feijóo ao respecto, subliñando que tamén foi “moito máis o que vendemos que o que compramos” ao exterior.

Feijóo_empresariios galegos México

 

“Convertémonos nunha das comunidades, a segunda comunidade de España de maior exportación. Exportamos case 18.500 millóns de euros, un 11,7% máis que o ano pasado”, argumentou, indicando, ademais, que “no ano 2012 tamén exportamos, e no ano 2011 fomos a primeira comunidade autónoma de España en exportacións”.

O mandatario galego resaltou que nos últimos catro anos Galicia incrementou un 29% o seu número de empresas exportadoras ata acadar actualmente as 6.400, e subliñou que o 33% de todo o que se produce na nosa comunidade ten como fin a exportación. “O noso obxectivo é chegar ao ano 2020 exportando o 44% de todo o que producimos e, se o conseguimos, equiparariamonos a Alemaña na porcentaxe de exportación sobre a riqueza da nosa terra”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar