O PPdeG advirte que o pacto do BNG con Bildu pode supoñer «lexitimar o terrorismo»

Paula Prado_declaracións a pantalla

A voceira do PPdeG, Paula Prado, afirmou hoxe que “coa súa decisión de aliarse con Bildu, o BNG está pedindo aos galegos lexitimar 50 anos de terrorismo en España”.

Así se expresaba a dirixente popular sobre a decisión do BNG de concorrer ás eleccións europeas co susodito partido vasco. Como lembrou a dirixente popular, hai 30 días Bildu votaba no Parlamento navarro en contra da entrega de armas e da disolución da banda terrorista ETA.

 

Neste senso, Prado tamén criticou as dificultades que ten o BNG para condenar accións que a propia Audiencia Nacional considera terroristas, como é o caso das de Resistencia Galega.

Como sinalou a voceira dos populares galegos, unha vez máis, o sector máis radical do Bloque impúxose, tomando unha decisión que é froito da deriva que está a experimentar este partido e que supoñerá un erro histórico.

Para Prado, a decisión do BNG non ten que ver con intereses programáticos, senón polo puro afán de lograr un escano en Europa para maquillar o seu afundimento político en Galicia. A elección de socio non foi máis que unha poxa moi pouco afortunada.

Segundo a voceira dos populares galegos, trátase doutro errático paso máis na caída libre que está a experimentar o BNG, que vai de camiño a converterse nun partido puramente residual e marxinal.

Así mesmo, Prado subliñou que Galicia ten unhas prioridades distintas ás de Bildu e cre que os galegos reflectirán nas urnas a súa disconformidade con esta alianza.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar