Plan para estender ás TIC ao turismo galego

TICs-turismo Galicia_dixitalización_modernización

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante a rolda de prensa do Consello, o Plan Smart Turismo, un plan para estender as TIC ao sector e co obxectivo de incorporar unha plataforma turística única para Galicia no mundo.

Esta nova iniciativa contará, ademais, cun investimento de 10 millóns de euros, para poder desenvolver catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar os camiños de Santiago.

 

 

No tocante ao primeiro eixo, o responsable do Goberno galego anunciou a creación dunha plataforma tecnolóxica que integre todos os sistemas informáticos existentes e que ademais incorporará novas funcións. “É dicir, poñerase unha plataforma tecnolóxica á disposición de todos os axentes turísticos de Galicia para, deste xeito, optimizar os procesos de xestión, de información e de inspección”, explicou.

Con este obxectivo, no vindeiro ano 2015 estarán dispoñibles dúas pezas centrais desta plataforma, por unha banda un rexistro único de todos os recursos turísticos pola fusión do Sistema de Xestión de Recursos Turísticos e do Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas. E por outra banda un sistema de soporte integral á inspección turística, incluíndo a xestión do ciclo completo da inspección, desde a súa planificación, asistencia durante proceso, e tramitación, se corresponde, das infraccións e sancións.

En 2016, poñerase en funcionamento o Sistema de información para a Rede de Oficinas de Turismo, baseado na explotación da plataforma que estará orientado a ofrecer información de calidade ao turista independentemente da oficina á que acuda e da cuestión sobre a que requira información. E construirase un sistema de análise do sector que, partindo dos actuais servizos e ferramentas, favorezan e optimicen a difusión dos indicadores e a información obxectiva para axudar aos diferentes responsables dos establecementos turísticos, para orientar a estratexia do seu negocio.

O plan propón tamén aproveitar as novas tecnoloxías para mellorar o posicionamento e a venda de produtos que compoñen a oferta turística de Galicia. E, neste senso o obxectivo é que ao longo do vindeiro ano comece a funcionar unha plataforma profesional de comercialización, baseada na comercialización de paquetes e outros produtos turísticos por parte de axencias de turismo ou outros promotores e que integre o seu ciclo completo: desde a publicación de información detallada ata a reserva ou compra on line dun produto turístico por parte dun usuario.

Así mesmo, inclúe tamén a implantación dun buscador que permita capturar a información de produtos e paquetes turísticos que o sector galego publica en portais de referencia para integralos nun único portal, no portal Turismo de Galicia.

En terceiro lugar, o plan tamén aposta por incentivar a innovación e a colaboración público-privada. E, neste eido, Feijóo explicou que unha das medidas é a creación dun Laboratorio de Innovación Turística, que a través dun portal web facilitará ao conxunto do sector ter acceso ás diferentes ferramentas e servizos tecnolóxicos que existen –de xestión, aplicacións de promoción, metodoloxías, modelos…- e os novos que vaian xurdindo tanto en Galicia como no resto do mundo.

Para facilitar a formación continua dos profesionais do sector crearase unha plataforma de eLearning na que o profesional só precisará un dispositivo conectado a internet para poder participar e coñecer as tendencias e a orientación que se está a levar no turismo en distintos lugares do mundo.

 SMART CAMIÑO

Por último, o presidente da Xunta resaltou que o plan recolle unha liña específica para potenciar os camiños de Santiago como produto turístico singular de Galicia, facilitándolles aos posibles peregrinos ou turistas os servizos tecnolóxicos máis avanzados.

Ao fío disto, adiantou que SmartCamiño sustentarase sobre unha plataforma tecnolóxica que permitirá capturar, ordenar e categorizar datos en tempo real de múltiples ámbitos: datos e parámetros de temperatura, humidade, exposición solar, fluxos de visitantes e eventos, ofertas comerciais, alertas e avisos, etc.

“Ademais, proporcionará aos posibles usuarios un servizo de aplicacións en mobilidade e navegación por mapa que permita o acceso a contornos de visualización avanzada do territorio en 2D e 3D”, engadiu, logo de destacar outros servizos como a obtención da Compostela a través de medios dixitais, o rexistro electrónico nos distintos puntos do Camiño, aplicacións baseadas no uso de códigos QR para identificar diferentes servizos ou contidos e conexión wifi nos albergues públicos do Camiño de Santiago.

Feijóo afirmou, en definitiva, que estamos diante dun plan para contar coas novas tecnoloxías na aposta por mellorar o sector turístico: incorporar as novas tecnoloxías para modernizar as infraestruturas turísticas; para mellorar os canais de comunicación cos usuarios; e para facilitar a toma de decisións e a posta en marcha de novas estratexias turísticas tanto no ámbito público como no ámbito privado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar