Trinta conferencias, dez concursos e as exposicións configuran a feira agropecuaria GandAgro

Imaxe da pasada edición de GranAgro en Silleda.
Imaxe da pasada edición de GranAgro en Silleda.

Dez xornadas técnicas nas que terán lugar máis de 30 conferencias distintas e unha ducia de concursos, presentacións e exposicións conformarán o programa do III Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2014, o cal se celebrará do 13 ao 15 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia.

As xornadas técnicas terán un papel destacado nesta programación de GandAgro 2014 pola súa diversidade, relevancia e actualidade, convertendo ao certame nun interesante foro de análise e coñecemento. Así, acollerá os primeiros Encontros Gandeiros, nos cales xenética bovina, alimentación animal, medicamentos e control dunha avespa invasora marcarán o debate; e tamén o XVIII Monográfico de Gando Porcino, que abordará as oportunidades e ameazas que supón a globalización para o sector e a optimización dos índices técnicos nos cebadoiros.

Unirase a este programa unha xornada dirixida a veterinarios especialistas en vacún que analizará patoloxías, cambios metabólicos, índices reprodutivos e calidade do leite; e outra orientada aos profesionais da cunicultura que tratará a innovación e a promoción no sector e diversas patoloxías da especie. Ademais, celebraranse conferencias sobre biogás sostible no sector agrogandeiro, produción alternativa en avicultura e a ventilación nas súas naves, alimentación líquida en porcino, abonos, alimentación animal en Galicia e a regulamentación e funcionamento das poxas da Central Agropecuaria de Galicia.

Os concursos tamén terán un papel importante dentro de GandAgro, celebrándose os morfolóxicos XXXII Concurso Internacional e XXIII Autonómico da Raza Frisona, nos cales participarán 157 exemplares de alta xenética; o VII de Preparadores de Gando e o XXX de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levarase a cabo un concurso que premiará innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización dos seus recursos, o GandAgro Innova 2014.

En canto ás presentacións e exposicións, os protagonistas serán sistemas de mellora xenética en vacún, a rubia galega e as razas autóctonas en perigo de extinción.

A este completo programa uniranse varias reunións sectoriais que reforzarán o carácter de GandAgro como espazo de converxencia do mundo agropecuario, así como numerosas actividades realizadas polos propios expositores nos seus stands.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar