O conselleiro Conde asina un convenio con Fegaxe para asesorar a emprendedores

Francisco conde_Jovenes empresarios_Galicia EmprendeO conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun encontro de traballo coa Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe) no que se asinou un protocolo de colaboración entre a propia Fegaxe e o Igape. “Esta sinatura supón un primeiro paso de cara á incorporación da Fegaxe como axente privado da Unidade Galicia Emprende, que ten por obxectivo poñer en marcha actividades orientadas ao asesoramento de emprendedores que precisan desa información nas etapas iniciais dos seus proxectos”, explicou Conde. Deste xeito, mellorarase o rendemento dunha Unidade que, a través das sete oficinas coas que conta, resolveu nas súas primeiras semanas de vida máis de 200 consultas relacionadas con ideas e proxectos empresariais en diferentes fases de maduración.

Así, proseguiu o conselleiro, “o convenio permítenos traballar xuntos na promoción do emprendemento, en actividades de formación e asesoramento”. Neste sentido, o acordo permitirá impartir polos menos 10 seminarios de formación básica para emprendedores que se desenvolverán por toda a xeografía galega, configurándose como actividades clave para que os mozos se decidan a crear un novo negocio. “De feito –incidiu Conde-, máis de 260 emprendedores tiveron xa a oportunidade de avaliar os seus proxectos con titores expertos contratados pola Xunta durante os últimos tres meses a través de cursos como os que hoxe firmamos”.

Estas cifras, apuntou o titular de Economía e Industria, marcan unha tendencia clara que está dando lugar a unha cultura orientada ao emprendemento. “Desde a Xunta de Galicia traballamos para conseguir ese obxectivo: que calquera idea poida ser unha realidade coa colaboración tanto do Goberno como das diferentes institucións que, como Fegaxe, traballan a diario para servir e ser útiles aos nosos emprendedores”, incidiu.

Neste marco, o novo protocolo renova a alianza entre a Consellería de Economía e Industria e a Fegaxe. Unha colaboración que, como explicou Conde, se está a desenvolver desde fai tempo e que tivo un primeiro momento importante na definición e identificación dos contidos da Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia. “O obxectivo é traballar para que ningún proxecto que sexa viable se quede no camiño e que, , a través da información, dos servizos, e da axuda financeira, poida ser unha realidade”, subliñou o conselleiro.

Non en van, no eido da nova Lei do Emprendemento, o Goberno galego ten abertas varias convocatorias de apoio financeiro a emprendedores. Así, o Fondo Galicia Emprende inxectará 4 millóns de euros en préstamos participativos para mobilizar un total de 12 millóns na creación de empresas e no apoio aos primeiros pasos das compañías; e o Fondo I2C mobilizará outros 30 millóns para a creación e primeiras etapas de empresas do sector tecnolóxico.

Pola súa banda, o programa de axudas Galicia Emprende conta con 3 millóns de financiamento e subvencións de ata o 50% do proxecto. Uns apoios aos que cabe sumarlles os conferidos no eido do comercio, con axudas de ata o 50% do custo total para a apertura de novos establecementos comerciais.

“A colaboración coa Federación Galega de Xoves Empresarios foi clave na elaboración da Lei do Emprendemento”, subliñou Conde, quen agradeceu o papel da Fegaxe na confección dunha norma que abre un novo tempo para os emprendedores galegos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar