Nace o Consello de atención temperá para coordenar saude, educación e servizos sociais

Tres consellerías configuran o Consello de atención temperá.
Tres consellerías configuran o Consello de atención temperá.

O Consello autonómico de atención temperá quedou hoxe constituído por vez primeira, baixo a presidencia da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Nesta sesión constitutiva, participaron tamén a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; e o conselleiro de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez. O Consello, que estará formado por seis membros, terá sempre como presidente a un dos tres conselleiros e serán elixidos por maioría. Cada presidencia durará un ano.

Este órgano, que queda adscrito a estes tres departamentos, vai ter como principal obxectivo establecer as liñas estratéxicas na materia e crear un espazo común de coordinación e corresponsabilidade entre os sistemas de saúde, educación e servizos sociais coa finalidade de satisfacer os dereitos e necesidades daqueles nenos e nenas que padezan de trastornos no desenvolvemento ou que estean en risco de padecelos.

Este organismo contará, á súa vez, co apoio dunha Comisión técnica de atención temperá. A súa principal función será realizar un protocolo de coordinación de atención temperá, que posteriormente será aprobada polo Consello. Este protocolo será un dos primeiros pasos para crear o espazo de coordinación entre os tres sistemas. A previsión é que este documento estea listo antes de que finalice o primeiro semestre.

Esta Comisión encargarase tamén de traballar na implantación dun sistema común de información e xestión de datos.

Ambas actuacións veñen recollidas no decreto de atención temperá, que foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de decembro. Esta normativa supón un paso adiante no obxectivo de ofrecer unha atención temperá de calidade, e inscríbese na mesma liña das políticas que se están a desenvolver neste eido na Unión Europea.

Así, este decreto crea por primeira vez en Galicia unha rede de atención temperá destinada a atender aos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que padecen problemas de desenvolvemento ou están en risco de padecelos (tanto dependentes, como non dependentes). Hai dúas metas fixadas: ofrecer unha atención integral, continuada, flexible e contextualizada; e, ao mesmo tempo, conseguir a máxima eficiencia á hora de prestar estes servizos. Deste xeito, prestarase unha atención de calidade ás familias e aos menores; avanzarase na súa autonomía e calidade de vida; e fomentarase a prevención da dependencia.

A creación da rede permitirá, tamén, que os distintos servizos e recursos (centros, programas de atención, unidades hospitalarias…) que pasen a formar parte dela actúen baixo uns mesmos criterios, e sexan acreditados baixo os mesmos parámetros.

Entre outras novidades, este decreto establece que os profesionais que traballen neste ámbito deberán ter unha formación específica en atención temperá. Regula, tamén, a figura do profesional de referencia para as familias en relación aos tres ámbitos (sanidade, educación e servizos sociais).

En canto aos servizos específicos da rede, serán definidos nas respectivas carteiras. No caso dos menores con dependencia, os seus recursos xa veñen establecidos na carteira publicada o pasado mes de setembro no Diario Oficial de Galicia (DOG), e son: diagnóstico e valoración; desenvolvemento psicomotor, cognitivo, de linguaxe e comunicación, da autonomía, e da área social e afectiva; e apoio, información, habilitación e formación da familia. No que se refire aos menores que non teñen ningún grao de dependencia, os seus recursos serán establecidos na carteira de servizos para persoas con autonomía, na que xa se está traballando.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar