O BNG presiona en Bruxelas en favor do dique flotante de Ferrol

Ana Miranda_BNG_Parlamento europeo

O BNG pide á Comisión Europea que, como executivo da UE, aclare «cál é a situación das xestións realizadas polo Estado español ou galego» co fin de despexar calquera dúbida ou obxección normativa que puidese vir de Bruxelas para a construción do dique flotante en Ferrol, infraestrutura «clave» para maximizar a actividade de reparación de todo tipo de buques, incluíndo os de grande tonelaxe.

A través dunha pregunta remitida á comisión, o Bloque subliña a «necesidade urxente do proxecto, demandado dende as instancias sindicais e económicas» e polo conxunto da sociedade de Ferrolterra, argumenta Ana Miranda, eurodeputada nacionalista nesta lexislatura e candidata do BNG o 25 de maio.

Neste sentido, Miranda pregunta ao executivo comunitario que confirme se Navantia presentou formalmente a documentación requirida pola Comisión en xullo de 2013, así como as xestións realizadas a favor desta infraestrutura tanto polo executivo español, como o Goberno galego.

Igualmente, o BNG solicita ao organismo que preside Durao Barroso que se pronuncie e aclare «se vai algún impedimento na lexislación para que o executivo español ou a Xunta leven a cabo a construción do dique flotante», ben directamente ou a través dunha empresa pública, como podería ser a SEPI.

Tamén pide información sobre cando ten previsto a Comisión levantar o veto á construción naval civil, que abriría o abano de posibilidades de traballo do sector de traballo do sector naval de Ferrolterra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar