Congreso de Novas Xeracións, o grupo que «nutre de ideas ao partido»

Paula Prado_Novas Xeracións
A voceira do PPdeG, Paula Prado, cre que Novas Xeracións debe seguir sendo “a pata que nutra de ideas ao partido”. Neste senso, ve fundamental que os mozos e mozas lles transmitan a súa ilusión e ideas aos seus dirixentes para que se poidan tomar decisións e poñer en marcha lexislacións que formarán parte do futuro da xuventude.

Así se expresaba a dirixente popular no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago, tras supervisar, en compañía do presidente de NNXX, Javier Dorado, e da presidenta do Comité Organizador do Congreso, Sandra Devesa, as labores de montaxe do escenario onde terá lugar o IX Congreso autonómico da formación xuvenil.

Para Prado, o obxectivo que debe marcarse esta organización nesta etapa que inicia mañá é conseguir que os mozos e mozas que teñen verdadeira vocación de servizo público poidan ser incorporados á política. Neste senso, sinalou que a xuventude de hoxe en día “ten un certo divorcio coa política” e cre que Novas Xeracións pode axudar ao partido a que as persoas máis novas se acheguen máis á política.

Así, considera que os membros da formación xuvenil deben estar presentes nas áreas onde a xuventude se move, como son as universidades, os diversos centros educativos, ou ámbitos de participación deportiva.

Prado puxo en valor a labor de Javier Dorado á fronte de Novas Xeracións nos últimos tres anos e medio e amosouse convencida de que Diego Gago, o único candidato á Presidencia da organización, seguirá traballando na mesma liña. Así mesmo, amosou o seu agradecemento ao Comité Organizador, por facer posible a celebración dun congreso participativo, onde se reunirán mozos e mozas de toda Galicia que queren seguir traballando polas ideas e cuestións que afectan aos máis novos.

A voceira do PPdeG indicou o acto contará coa asistencia de entre 400 e 500 persoas entre compromisarios e invitados, e fixo fincapé en que tamén estarán presentes o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, o secretario xeral, Alfonso Rueda, e o presidente de Honra do partido e de NNXX, Gerardo Fernández Albor.

Para Prado, a celebración do acto de mañá supón un proceso moi importante de actualizacións de ideas e de renovación de equipos que será moi positivo non só para a organización xuvenil senón tamén para o partido.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar