Manuel Baltar propón un modelo de código ético na Deputación de Ourense

Rolda de prensa de Manuel Baltar no centro cultural "Marcos Valcarcel" sobre a presentación do código ético e de conduta.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe en rolda de prensa a súa proposta de Código Ético e de Conduta para a institución provincial, logo de remitirlle o borrador aos grupos políticos do PP, PSOE e BNG na Deputación de Ourense. O ámbito de actuación do código abranguerá aos cargos electos e o persoal o servizo da institución provincial, e con esta norma a Deputación de Ourense será a primeira de España en contar cunha normativa ética de boa conduta.

O código ten como obxectivo regular as normas éticas de referencia para os cargos electos e o persoal ao servizo da administración provincial, e procurar un comportamento profesional, ético e responsable, contribuíndo deste xeito a reforzar a aposta pola calidade democrática e a rexeneración do sistema institucional, establecendo mecanismos para incentivar o seu cumprimento. En definitiva, configurar unha ética pública común que evite a mala xestión e sirva para xeneralizar as boas prácticas.

O Código Ético da Deputación de Ourense circunscríbese só ao ámbito institucional, fronte a outros códigos éticos de ámbito político que abranguen aspectos referidos ás formacións políticas e os seus dirixentes.

Un dos puntos salientables o que fai referencia o código é o de «agasallos», destacando que ningún cargo electo nin o persoal ao servizo da administración provincial «poderá ofrecer, conceder, solicitar ou aceptar, directa ou indirectamente, agasallos ou dádivas, favores ou compensacións, en metálico ou en especie, calquera que sexa a súa natureza, que poidan influír no proceso de toma de decisións relacionado co desempeño das funcións derivadas do seu cargo ou posto de traballo».

Ademais sinala que non admitirán de persoas ou entidades ningún agasallo ou servizo que sexa entregado por razón do seu cargo, agás os de carácter protocolario institucional. «Calquera agasallo ou dádiva recibido nos centros de traballo da administración provincial que contraveña o presente Código –sinala o documento-, deberá ser inmediatamente devolto e comunicada esta circunstancia ao Comité de Ética e á Secretaría Xeral da institución, que levará un Rexistro ao efecto de deixar constancia deste tipo de situacións. De non ser razoablemente posible a devolución do agasallo ou dádiva, entregarase ao departamento de Tesourería que, tras emitir o correspondente recibo, destinarao a fins de interese social».

O código tamén considera importante «non mesturar o institucional co partidista». Neste senso sinala: «Nas comparecencias públicas de carácter institucional non se fará referencia algunha a forzas políticas. En roldas de prensa non se responderán preguntas que non versen sobre asuntos propios da Deputación. En ningún caso se farán declaración de carácter político-partidista nun espazo físico onde figuren o escudo, a bandeira ou a denominación da institución provincial».

ERRADICAR PRÁCTICAS POLÍTICAS

No que atinxe a actos e a colocación de placas conmemorativas, a proposta de Código Ético recolle que os membros da Deputación de Ourense, no exercicio das súas responsabilidades de goberno, «comprométense a non colocar placas en edificios públicos con nomes de persoas, erradicando así unha práctica política que foi común na xestión das administracións públicas durante o século XX». «A construción de equipamentos e infraestruturas públicas –subliña o documento- xorden do cumprimento das obrigas asumidas polos responsables políticos no desempeño do seu cargo e con fondos públicos provenientes dos impostos que pagan os cidadáns».

No que atinxe á transparencia, o código explicita tamén que se farán públicas a través da web da Deputación, de xeito anual, as declaracións de IRPF e Patrimonio de todos os cargos electos –en 5 días-, facilitando que os cidadáns coñezan a evolución patrimonial dos seus representantes.

A partires deste momento, os grupos políticos poderán facer as súas achegas para a súa posible incorporación ao documento, que ten previsto ir o pleno do vindeiro mes de abril. Este código será tamén de aplicación no Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Asemade, o Código Ético e de Conduta da Deputación de Ourense levará consigo a creación do Comité de Ética, órgano de control que velará polo seu cumprimento, e que terá entre as súas funcións as de: atender as posibles denuncias que se formulen; informar o Pleno da Corporación dos posibles incumprimentos detectado; resolver as dúbidas formuladas sobre a súa aplicación, e elaborar un informe anual.

O dito Comité de Ética estará formado por un profesor da área das Ciencias Sociais de calquera das tres universidades galegas; un membro do Colexio de Secretarios; un profesional a proposta do Colexio de Avogados de Ourense; un politólogo nomeado por Transparencia Internacional; un funcionario do Corpo de Letrados da Xunta de Galicia, e como secretario (con voz pero sen voto) actuará un funcionario da Deputación de Ourense elixido por sorteo de entre os pertencentes ao corpo superior da administración provincial.

Manuel Baltar afirma que é innegable que vivimos nos últimos tempos «unha importante desafección cidadá cara a política e ás institucións, públicas e privadas, administracións e altas maxistraturas do Estado ou entidades representativas da sociedade civil. A erosión da confianza da cidadanía na actividade política tense manifestado dun xeito evidente, o que obriga a institucións, aos partidos políticos e a representantes públicos a multiplicar esforzos para pór en valor a política e a súa funcionalidade para unha sociedade democrática nuns momentos particularmente complexos».

Baltar considera que os representantes institucionais debemos, por tanto, «redobrar esforzos por restablecer o valor da política local e recuperar a confianza da cidadanía». Neste contexto de maior esixencia pública, explica, «a política local en Ourense require un reforzamento do compromiso efectivo coas veciñas e veciños, un apuntalamento e exteriorización efectiva dos valores públicos, dos estándares de conduta e da actitude moral dos cargos públicos locais. E a esa finalidade atende esta proposta da presidencia do goberno provincial».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar