A Xunta modifica o Rexistro de parellas de feito para darlle máis seguridade xurídica

A Xunta de Galicia vén de iniciar os trámites para modificar o decreto que regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia co fin de incrementar a seguridade xurídica do mesmo.

Transcorridos mais de seis anos desde a súa entrada en vigor, o Goberno galego considera necesario modificar o referido regulamento co obxectivo de proporcionar unha maior seguridade xurídica aos encargados do Rexistro, de xeito que poidan verificar a efectiva convivencia con vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á marital.

Tal como publica hoxe o DOG, sae a exposición pública o proxecto de Decreto que modificará o Decreto 248/2007, polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, para que as persoas interesadas poidan presentar as suxestións que consideren oportunas.

O texto atopase a disposición dos interesados na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia –en San Caetano- e na páxina web da Lei de Transparencia da consellería: http://cpapx.xunta.es/normativa-en-tramitacion. As propostas poden facerse vía electrónica a través do enderezo xustiza@xunta.es, ou ben a través de calquera das fórmulas que establece a Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. O prazo de suxestións será de 15 días hábiles contados dende hoxe.

Entre as principais modificacións está a de conferirlle ao encargado/a do Rexistro a potestade de realizar as indagacións necesarias e solicitar aos organismos públicos correspondentes todos os informes que considere oportunos para proceder a unha inscrición. Así mesmo poderá cancelar de oficio unha inscrición sempre que haxa unha proba fidedigna de que se incumpren os requisitos da convivencia.

Así mesmo, establécese que determinada documentación acreditativa esixida por lei, deberá ser a orixinal e con data de expedición non superior a tres meses anteriores á data de presentación da inscrición no Rexistro.

Doutra banda, tamén é preciso unha modificación do regulamento do Rexistro para adaptalo ao novo marco normativo de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Neste senso, a partires de que entre en vigor a modificación, calquera cidadán poderá descargar os modelos de documentos susceptibles de presentación ante o Rexistro, a través da sede electrónica: https://sede.xunta.es. Ademais futuras modificacións ou adaptacións de formularios non requirirán da aprobación de sucesivas ordes de modificación.

Trátase, en definitiva, de medidas todas elas encamiñadas a unha maior seguridade xurídica dos encargados do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, a que as inscricións se fagan conforme á máxima legalidade e a atallar posibles intentos de fraude.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar