Galicia debe ser referente da cultura castrexa, afirma Feijóo

Feijóo_San Cibrán de Lás_2

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, situado nos concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, constituirá un “revulsivo” para investigadores e para turistas e permitirá situar Galicia como “referente peninsular” da cultura castrexa. Durante unha visita ao parque, o titular da Xunta indicou que San Cibrao de Las contou cun investimento global de 10 millóns de euros, e coa achega do Ministerio de Fomento, con cargo ao 1% cultural, para a construción do Centro de Interpretación.

Na súa intervención, Feijóo destacou o traballo realizado pola Xunta para a posta en valor desta construción castrexa que xa foi obxecto da atención de investigadores hai case un século: nos anos 1922 e 1925, por parte de Florentino López Cuevillas; en 1948-1949 por parte de Xaquín Lorenzo Fernández, na década dos 80-90, con actuacións baixo o amparo do Museo Arqueolóxico de Ourense, e con escavacións en datas máis recentes. Nos últimos anos, o Goberno galego decidiu darlle un novo pulo, un impulso “definitivo” a este xacemento, desenvolvendo diversas actuacións encamiñadas á súa recuperación, protección e conservación; facilitando o seu estudo por parte dos investigadores; e favorecendo a súa visita, para facer extensivo o seu coñecemento a todos os públicos.

 

Construíuse un Centro de Interpretación, proxecto dos arquitectos Carlos Martínez González, Carmen Ruiz Alarcón e Ángeles Santos Vázquez, que dispón de máis de 3.000 metros construídos, alberga unha exposición permanente da cultura castrexa, permite a realización de exposicións temporais e conta con aulas didácticas, espazo para traballo dos arqueólogos e zonas de investigación e documentación. Un centro cuxa dirección técnica a Xunta acaba de atribuír ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, a través da sinatura dun acordo, que tamén prevé o traslado de pezas arqueolóxicas deste museo a San Cibrao de Las, aínda que ditas pezas continuarán adscritas ao Museo Provincial.

San Cibrao de Lás_parque arqueolóxico
Parque arqueolóxico de Lás.

Xunto co centro de Interpretación, tamén se creou un circuíto de visita para posibilitar o acceso ao elemento máis valioso do parque: o xacemento arqueolóxico. Algo que, segundo lembrou Feijóo, permite complementar os coñecementos que o visitante adquire no Centro de Interpretación e favorecer o descubrimento in situ dun dos maiores poboados castrexos de Galicia.

INVESTIGADORES E TURISTAS

O presidente da Xunta incidiu en que se trata dun “tesouro arqueolóxico” que o Goberno galego impulsou para que sexa “coñecido e aproveitado por todos”. Por unha banda, polos investigadores, ao converter San Cibrao de Las nun centro de coñecemento e estudo da herdanza castrexa de referencia obrigada para os especialistas da Península. E, por outra, polos cidadáns, xa que o perímetro amurallado e a conformación interna das estruturas de habitación permiten ao visitante unha boa comprensión do xacemento.

“San Cibrao de Las revélase, pois, como revulsivo para os investigadores”, como motor dinamizador de estudo, documentación, coñecemento e difusión da cultura castrexa; pero tamén como “revulsivo turístico”, dixo Feijóo, argumentando que o centro será capaz de atraer visitantes de diferentes puntos da xeografía que desexen coñecer dunha forma didáctica a riqueza da nosa terra, situando o patrimonio artístico galego como excelente dinamizador –xunto co termalismo ou a enogastronomía- desta comarca, da provincia de Ourense e de Galicia enteira.

Destacou, ao respecto, que este xacemento de San Amaro e Punxín é un enclave verdadeiramente “privilexiado”, tanto desde o punto de vista do emprazamento –un lugar elevado desde o que poder divisar amplamente os vales que rodeaban o poboado, mantendo contacto visual con outros castros próximos e ao carón de terras fértiles e de fácil cultivo-; como polas súas características –é unha edificación da etapa final da cultura castrexa, moi influído xa polo proceso de romanización, con ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II; pola súa extensión –o parque conta cunha superficie aproximada de 20 hectáreas, 10 delas de escavación; e tamén pola súa monumentalidade e boa conservación.

REDE GALEGA DE PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

Feijóo explicou que o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las está incluído no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia e prevese que, este mesmo ano, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incoe a súa declaración como Ben de Interese Cultural, coa categoría de Zona Arqueolóxica.

O Parque da Cultura Castrexa intégrase, ademais, na Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, un modelo de protección global que a Xunta vén impulsando nos últimos anos para a posta en valor e a difusión do patrimonio; e unha rede que, segundo afirmou Feijóo, concibe os xacementos, non como entes illados, senón como parte dun todo.

Así, o presidente galego lembrou a apertura, en xullo de 2011, do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, que tivo unha boa acollida por parte do público, un centro ao que hoxe se suma este de San Amaro e Punxín, destinado á protección, investigación, estudo e coñecemento da cultura castrexa. En total, segundo resaltou o presidente galego, máis de 40 hectáreas e 20 millóns de euros de investimento que permiten poñer á disposición de investigadores e de turistas un conxunto extraordinario de petróglifos (no caso de Campo Lameiro) e unha representación singular da cultura castrexa (no caso de San Cibrao de Las).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar