A Deputación de Pontevedra recolleu 35 mil litros de aceite usado en dezaseis concellos

35.096 litros. Esa é a cantidade de aceites usados que a Deputación de Pontevedra recolleu en 16 concellos da provincia no marco do plan de recollida e tratamento de aceites domésticos que ten en marcha desde 2009. Trátase dunha cifra que non para de medrar e que nos últimos tres anos se incrementou en preto do 70%, pasando dos 20.920 litros enviados á en 2010 aos máis de 35.000 de 2013.
Así mesmo, e no marco das políticas da Deputación de Pontevedra de redución da contaminación ambiental, apoio aos concellos e aposta por unha mellor e máis eficiente xestión dos residuos, tamén se retiraron en 2013 un total de 64 vehículos que permanecían abandonados en diferentes municipios.
No que respecta ao aceite usado, Pontevedra foi o concello no que máis aceite se recolleu, cun total de 10.228 litros, seguido de A Illa de Arousa, con 4.497 litros; A Estrada, con 3.278 e Poio, con 3.187.
En O Grove recolléronse 2.816 litros; en A Guarda 2.145; en Silleda 1.925; en Cuntis, 1.617; en Meis 1.155 e en Ponte Caldelas 1.008 litros.
Por debaixo dos mil litros situáronse Moraña, con 745; Valga, con 635; Catoira, 512; Vila de Cruces 438 e Cerdedo con 290.
En todos estes concellos, a Deputación de Pontevedra ten instalados diversos contedores nos que os veciños e veciñas poden depositar o aceite que usan nas cociñas. Poden facelo, ademais, dunha forma áxil e cómoda, cun sistema que se incluíu de modo pioneiro neste proxecto da Deputación e que agora está estendido a case todas as localidades que realizan unha recollida de aceite para a súa reciclaxe.
Este modelo permite que nos contedores de recollida se deposite o aceite directamente en botellas de plástico, sen necesidade de baleirar o contido. Isto evita que se produzan derrames e as consecuentes manchas de aceite e problemas de contaminación localizada que provocaba o vello sistema de bidóns para baleirar nos contedores situados na rúa.
O sistema de tratamento permite que se trituren conxuntamente as botellas de plástico co aceite que conteñen e que, posteriormente, se separen pola súa diferente densidade.

CINCO MILLÓNS DE LITROS

Cómpre lembrara que na provincia de Pontevedra se xeran anualmente uns 5 millóns de litros de aceites usados que, na maioría dos casos, van directamente polo fregadeiro. A súa posta en valor permitiría un notable aforro polo beneficio que se extrae da súa conversión en biodiésel e outros produtos (xabón, deterxente…); así como polos aforros no mantemento e funcionamento das depuradoras e das redes de saneamento (que poden sufrir atascos e danos pola acumulación de graxas); ademais de evitar serios danos ambientais, xa que un só litro de aceite abonda para contaminar 1.000 litros de auga.

VEHICULOS ABANDONADOS

En canto aos vehículos abandonados, a Deputación de Pontevedra retirou en 2013 un total de 64 coches de diferentes puntos da provincia, no marco dun servizo que a Administración provincial ten en marcha para solucionar un problema que non só afecta á estética das vilas e cidades da provincia, senón que supón un serio risco para o medio ambiente.
A posta en marcha desta iniciativa, que se iniciou en 2011 a modo de proxecto piloto, tivo unha moi boa acollida polos concellos da provincia, que en moitos casos carecían de medios materiais e económicos para prestar o servizo de forma individual e que se adheriron maioritariamente ao plan da Deputación.
O plan, que se desenvolve por medio dun convenio de colaboración entre a Deputación e unha empresa autorizada para a xestión dos vehículos en desuso, non supón custe algún para os concellos e permite a retirada dos vehículos, a súa desmontaxe para a reciclaxe de pezas e venta do material aproveitable, e a posterior destrución e descontaminación.
O concello no que máis vehículos se retiraron en 2013 foi Marín, con 21 automóbiles (o 33% do total). En Gondomar retiráronse 14 vehículos, 7 Mos, outros tantos en Nigrán, 5 Sanxenxo, 4 en Vilanova de Arousa, 2 en A Illa de Arousa, 2 en Salceda de Caselas, 1 Pontecesures e outro en Moaña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar