Vodafone súmase ao Pacto Dixital de Galicia e compromete 70 millóns en investimentos

Feijóo_Presidente Vodafone

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Vodafone España, Francisco Román, asinaron hoxe a adhesión da compañía ao Pacto dixital de Galicia. Deste xeito, Vodafone, súmase ás 11 empresas que xa plasmaron neste acordo co Goberno galego o seu compromiso para investir en Galicia e contribuír a converter a Comunidade en polo tecnolóxico de referencia.

Vodafone manifestou a súa aposta por impulsar o desenvolvemento do sector das telecomunicacións con Galicia, completando o despregamento de infraestruturas de última xeración nas grandes cidades, dando continuidade á implantación de banda larga móbil a poboacións menores de mil habitantes, e desenvolvemento iniciativas de carácter social a través da Fundación Vodafone España.

No marco do Pacto Vodafone comprometeuse a dotar de cobertura 4G, antes do 31 de marzo, as 7 grandes cidades de Galicia: Santiago, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, A Coruña e Vigo. Este despregamento supoñerá un investimento en rede na comunidade galega de 55 millóns de euros en 2014.

Así mesmo, está previsto o despregamento de FTTH, fibra óptica ata o fogar, que incluirá tamén as principais capitais galegas, con Vigo como cidade de arranque. Ademais, Vodafone España sumará o seu apoio de maneira especial ao turismo galego cun investimento adicional de 15 millóns de euros, destinados a reforzar as infraestruturas de rede en costas e interior o próximo verán.

En canto á súa contribución social, ligada ao desenvolvemento dixital, a Fundación Vodafone mantén unha colaboración estreita con institucións e organizacións galegas co obxectivo de fomentar a investigación e o uso das novas tecnoloxías para a integración social e laboral dos grupos en risco de exclusión. Exemplos diso son as colaboracións con institucións como a Universidade de Vigo, a asociación COGAMI ou a Cruz Vermella en proxectos de teleasistencia ou os programas de formación e dixitalización de maiores, que xa formaron máis de 3.000 alumnos.

COMPROMISOS

Coa adhesión de Vodafone España son 12 as empresas tecnolóxicas que subscriben este acordo co Goberno galego, o primeiro deste tipo que se realiza en España, e que xa conta co apoio de HP, Indra, Telefónica, Everis, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia. As compañías asinantes e o Goberno autonómico asumen un decálogo de compromisos.

Entre os compromisos das empresas asinantes, o de colaborar activamente na captación de financiamento en programas como o Horizonte 2020 para o desenvolvemento de novas liñas de negocio e novos produtos en Galicia. Tamén se comprometen a apostar polo rural galego coa extensión de tecnoloxía de nova xeración; a apoiar aos emprendedores dixitais de Galicia e a participar activamente como mecenas dixitais impulsando actuacións que capaciten a cidadanía. Ademais, nos compromisos do sector figura a vontade de garantir, mediante un programa de bolsas, a incorporación ao mercado laboral de universitarios e estudantes de Formación Profesional Obrigatoria do eido tecnolóxico.

Pola súa banda o Goberno galego se compromete a elaborar a Lei de desenvolvemento dixital para a transformación de Galicia cara a unha economía baseada no coñecemento. Ademais, garante que capacitará os cidadáns para que poidan integrarse no contorno dixital e que impulsará grandes proxectos tractores de innovación tecnolóxica nos sectores produtivos estratéxicos para Galicia, apostando por convocatorias de financiamento de grandes proxectos que permitirán captar fondos europeos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar