Veciños de Cabanas piden a reapertura do caso da asasinato de Elisa Abruñedo

Asasinada Elisa Abruñedo_Cabanas_lugar do cadáver
Lugar onde apareceu o corpo sen vida de Elisa Abruñedo, hai seis meses.

Medio millar de persoas concentráronse en Cabanas nun acto organizado pola Asociación de mulleres rurais do municipio e familiares de Elisa Abruñedo, o corpo da cal sen vida e con signos de violencia foi achado hai seis meses, para pedir que se manteña a investigación e se dote de máis medios.

O emotivo acto celebrouse no pavillón polideportivo de Lavandeira, a escasos metros do lugar de bosque no que Elisa Abruñedo foi atopada morta tras saír a pasear un domingo pola tarde.

A interpretación ao piano da peza «Para Elisa» de Beethoven realizada durante o acto emocionou os participantes na concentración, e en especial aos familiares da falecida, que volveron pedir máis medios na investigación para esclarecer o crime.

O cuñado da muller, José Raúl Fernández, fixo «un chamamento ao Delegado do Goberno para que non se esquezan» do caso e «poñan máis medios». «Isto é un xesto de apoio á familia e para que a xente saiba que isto segue sin resolverse».

Aínda que sinalou que, segundo a información que recibiu a familia, se manteñen abertas «varias liñas de investigación», nestes seis meses non se produciu ningunha detención.

Tampouco as probas de ADN realizadas ao corpo serviron, polo momento, para atopar o culpable ou os culpables do asasinato.

«A familia cada día está máis desesperada e triste, é a impotencia e a ira de non saber quen o fixo e que non estea entre reixas, e levámolo como podemos, dándonos apoio uns a outros», lamentou José Raúl Fernández.

Aínda que mostrou a súa confianza na «implicación por parte do equipo de investigación da Coruña», lamentou que «non haxa máis medios». Recordou que o mesmo equipo de investigación se tivo que ocupar doutros casos, como o da nena Asunta de Santiago, e que isto podería dificultar a investigación do crime de Elisa Abruñedo.

A preocupación tamén se mantén aínda no municipio de Cabanas, como confirmou o alcalde, Germán Castrillón. «A xente está preocupada e hai unha intranquilidade grande, así que queremos que non se pare a investigación e se intente localizar a persoa ou persoas que cometeron o asasinato».

Preto do pavillón no que se realizou o acto sitúase tamén a vivenda familiar de Elisa Abruñedo, de 46 anos, casada e con dous fillos. O seu marido denunciara a súa desaparición o mesmo domingo 1 de setembro pola noite, cando a muller non regresou á casa.

Familiares e amigos iniciaran a busca esa mesma noite e ao día seguinte sumáronse efectivos de Garda Civil e Protección Civil. Finalmente, na madrugada do martes, un veciño atopou o corpo da muller, seminu e con signos de violencia, nunha zona de bosque ao lado da estrada pola que supostamente podería ir camiñando. Sufrira lesións por arma branca.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar