Santiago terá este ano a mellor conectividade aérea da sua historia

Lavacolla_pista de despegue

O aeroporto de Santiago terá no 2014 a mellor conectividade internacional da súa historia, segundo apuntou a concelleira de Turismo, Reyes Leis, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi na que valorou o cadro de conexións internacionais de Lavacolla. Na temporada de verán, o aeroporto contará con trece conexións internacionais, entre as que se inclúen as novas conexións de Vueling a Roma, Bruxelas e Ámsterdam, tres rutas tradicionalmente demandadas polo sector turístico da cidade.
Reyes Leis apuntou que o obxectivo de Turismo de Santiago é que o tráfico nas rutas internacionais do aeroporto continúe co crecemento iniciado no 2012 e poida alcanzar por primeira vez os 400.000 pasaxeiros. A concelleira lembrou que no 2013 Lavacolla alcanzou o seu récord en tráfico nas súas rutas internacionais, con máis de 350.000 pasaxeiros. No ano 2012 a cifra roldou os 280.000 pasaxeiros e no 2011 os 220.000. Así, o obxectivo é que en apenas tres anos o tráfico nas rutas internacionais do aeroporto aumente en 180.000 pasaxeiros.

As conexións do aeroporto central de Galicia na temporada aérea de verán serán: Roma, Bruxelas, Ámsterdam, Londres Stansted, Londres Gatwick, Frankfurt, Milán, París, Dublín, Estambul, Xenebra, Zurich e Basel. Deste xeito o aeroporto de Santiago terá seis novas conexións con respecto ao 2011, que son: Roma, Bruxelas, Ámsterdam, Londres Gatwick, Estambul, Xenebra e Basel.

Con estas conexións Santiago estará conectado directamente cos seus principais mercados turísticos europeos: Italia, Alemaña, Francia e Reino Unido. Ademais, terá conexións directas con tres mercados en expansión: Irlanda, Bélxica e Holanda. E tamén terá unha boa conectividade cos mercados asiáticos, especialmente Xapón e Corea do Sur, grazas á conexión de Turkish Airlines co seu hub de Estambul.

O obxectivo de Turismo de Santiago é que a mellora da conectividade internacional de Lavacolla permita que a cidade supere por terceiro ano consecutivo o seu récord de pernoctacións internacionais na cidade. No ano 2011, as pernoctacións internacionais foron 376.429. No 2012 chegaron ata as 417.245, unha cifra que naquel momento marcou un récord na cidade. Non obstante, este récord se superou xa o ano pasado, con 447.188. En conxunto, as pernoctacións internacionais creceron un 18,8% no último par de anos.

Para potenciar a conectividade internacional do aeroporto, Turismo de Santiago colabora coas diferentes compañías que operan no aeroporto central de Galicia. A colaboración concrétase en cada caso en función das características da compañía e das conexións. Nestas colaboracións enmárcanse a presenza en feiras turísticas, organización de viaxes de xornalistas e profesionais para que coñezan a cidade, colaboración en concursos, promoción das conexións a través das canles de comunicación de Turismo de Santiago…

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar