Entra en servizo a área empresarial do Porto Seco de Monforte

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Diario Oficial de Galicia publicará a vindeira semana o concurso de venda das parcelas do Porto Seco de Monforte de Lemos, que se ofertarán a un prezo un 15% inferior ao inicialmente previsto, que se fixou na apertura do rexistro de demandantes, no mes de xuño pasado.  Así, indicou que as parcelas sairán á venda a un prezo medio arredor dos 60 euros/m² e iso será posible, engadiu, grazas ao Plan de Venda de Solo Industrial posto en marcha polo Executivo autonómico coa fin de estimular o mercado de superficies empresariais.

O titular do Goberno galego resaltou que a primeira fase da infraestrutura xa está rematada ao 100%, un total de 146.000 m² de solo empresarial, cuxa venda sairá a concurso o vindeiro día 5 de marzo, logo de aprobar os pasados días o Concello o proxecto de reparcelación.

O mandatario autonómico concretou o Plan de Venda de Solo Industrial é unha iniciativa que recolle 17 medidas para “facilitar aos emprendedores o acceso a 2,8 millóns de m² de superficie empresarial en condicións vantaxosas”, ao tempo que pretende simplificar o acceso ás parcelas, “abaratándoas unha media do 20%, podendo chegar mesmo nalgúns casos ao 50% de desconto”.

O titular da Xunta, quen presidiu esta mañá o acto de posta en servizo do Porto Seco de Monforte de Lemos, subliñou o esforzo que está a realizar a Administración autonómica para abrir novas oportunidades aos emprendedores, facilitándolles o solo industrial para instalarse, para construír as súas naves e para poder xerar actividade, e paliando as carencias de solo empresarial existente en Galicia, conscientes da importancia que a superficie industrial ten para o futuro desenvolvemento das nosas firmas e para a  xeración de emprego e riqueza na nosa comunidade.

Solo industrial ao servizo da demanda

Nesa liña, resaltou que o Goberno galego continúa a traballar para a pronta entrada en vigor do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, que definiu como un documento de ordenación urbanística que planifica o solo industrial que se poderá desenvolver nos próximos anos na nosa comunidade, tendo en conta a demanda real existente en cada comarca. Engadiu que o proxecto permitirá ordenar 45 millóns de m² de superficie industrial e prevé máis de 100 actuacións en máis de 100 concellos das catro provincias.

Trátase, remarcou, dunha estratexia cuxo obxectivo final pasa por definir os ámbitos do noso territorio susceptibles de acoller actuacións encamiñadas a cubrir necesidades de solo empresarial a longo prazo.

Galicia, plataforma loxística do suroeste de Europa

O titular do Goberno autonómico salientou que o Porto Seco constitúe tamén unha peza clave no aproveitamento das oportunidades de Galicia como plataforma loxística do multimodal do suroeste europeo. Así, sinalou que a súa situación estratéxica a dúas horas dos principais portos de interese galego e a menos dunha hora e tres cuartos dos aeroportos da comunidade fan infraestrutura decisiva e fundamental para o futuro desenvolvemento empresarial e loxístico da nosa comunidade, así como unha grande oportunidade para toda Galicia.

Por ese motivo, explicou que a Xunta está inmersa no impulso de diferentes actuacións que poidan lograr a maior proxección internacional do Porto Seco. Referiuse así ao traballo que se está a desenvolver de xeito coordinado entre o Xestur, o Igape e ADIF , divulgando e promocionando a infraestrutura na estratexia de internacionalización da Xunta, con especial reforzo na captación de investimento directo estranxeiro; estudando a oportunidade de celebrar un Foro loxístico do transporte multimodal en Monforte; prestando axuda e priorizando aquelas empresas e asociacións para asistencia e participación en foros internacionais de loxística; cunha campaña de promoción nos canais de distribución de todo tipo de multimodalidade de transporte; ou trazando unha rede de conexións coas Autoridades Portuarias e a Zona Franca de Vigo, tratando de buscar sinerxías para a mobilidade de todo tipo de mercadorías e para o seu transporte.

Devolver o protagonismo ferroviario a Monforte

Alberto Núñez Feijóo lembrou que o Porto Seco “ambiciona devolverlle a Monforte o protagonismo ferroviario” que tivo en Galicia e a converterse, ao mesmo tempo, na principal área de actividades loxísticas intermodal estrada-ferrocarril de Galicia. A ese respecto, subliñou que o Porto Seco xa logrou a súa inclusión no nó loxístico dentro da rede transeuropea de transportes.

Ademais, apuntou a necesidade de garantir a conectividade do Porto Seco, para que poida albergar canto antes actividade, e lembrou que o pasado xuño foi licitado por 6,2 millóns de euros o enlace da infraestrutura coa estrada LU-933, Monforte de Lemos-Límite da Provincia.

No seu discurso, Feijóo insistiu en que o Porto Seco de Monforte descobre “novas oportunidades”, pois ábrelles as portas ás empresas galegas para novos proxectos, ao tempo que se configura como un polo de atracción para que investimentos e empresas estranxeiras se instalen en Galicia e xeren emprego e riqueza na nosa comunidade. Nese sentido, salientou que o Plan Impulsa Lugo recolle o Porto Seco como unha das súas medidas prioritarias e ve nel un medio para incrementar as exportacións galegas.

O presidente da Xunta subliñou que os últimos datos económicos permiten corroborar que o traballo realizado neste campo está a dar resultados, posto que no pasado exercicio Galicia bateu o récord de exportacións, balanza comercial e taxa de cobertura, no que foi un “ano histórico” para a internacionalización da nosa economía.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar