O PIB galego evolucionou por enriba da media nacional

O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia en 2013 rexistrou unha evolución mellor que a media española, polo que a Comunidade galega foi quen de converxer co conxunto de España por segundo ano consecutivo. Así o indican as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, Galicia rexistrou en 2013 un comportamento interanual do PIB do -1,1%, unha décima mellor que a evolución do PIB español (-1,2%). Por segundo ano, a Comunidade galega mantén unha senda de converxencia coa media do Estado ao rexistrar unha mellor evolución da súa economía.

Ademais, o comportamento do PIB autonómico o pasado ano foi finalmente unha décima mellor respecto á previsión elaborada para este período polo Goberno galego con motivo da elaboración dos Orzamentos da Xunta.

En canto aos datos do cuarto trimestre de 2013, Galicia rexistrou un crecemento do 0,1% respecto ao trimestre anterior. A Comunidade galega encadea así dous trimestres consecutivos con taxas positivas, algo que non sucedía en Galicia dende o primeiro semestre de 2010, e isto consolida o cambio de tendencia na economía galega.

Os datos do IGE indican tamén que a taxa interanual do PIB galego no cuarto trimestre do ano (-0,3%) mellora en seis décimas respecto á do terceiro trimestre. É ademais o terceiro trimestre consecutivo no que este indicador mellora sobre o período anterior, unha situación que non se producía en Galicia dende a primeira parte de 2010.

Máis exportacións
Segundo o IGE, as exportacións de bens e servizos medraron en 2013 na Comunidade galega un 11,4%, o que supón mellorar en máis de 15 puntos a taxa interanual respecto a 2012. Ademais, tamén mellorou no último ano a evolución do gasto en consumo final –tanto dos fogares como das administracións-, a formación bruta de capital e a demanda interna.

Por sectores, destaca o comportamento do PIB no sector industrial en 2013, cun incremento na taxa interanual do 1,9% respecto ao ano anterior. En canto ao cuarto trimestre, mellora o comportamento do sector primario, da industria e do sector servizos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar