A atención sanitaria telefónica amplíase dos médicos aos demáis profesionais

O presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou que o Consello da Xunta acordou a extensión do Plan de atención telefónica a todos os profesionais de atención primaria dos centros do Servizo Galego de Saúde a partir do 10 de marzo. Deste xeito, segundo incidiu o presidente da Xunta, a partir desta data todos os profesionais dos centros de saúde poderán ofrecerlle aos pacientes que así o soliciten unha consulta médica ou sanitaria telefónica.

Na súa intervención, Feijóo explicou que este sistema de atención telefónica xa estaba en marcha, pero só para os médicos de familia. O obxectivo agora pasa por facelo extensivo tamén ás consultas de pediatría, de matrona, de enfermaría ou de traballador social.

“Tomamos esta decisión ante a boa acollida do sistema dos médicos de familia que vimos observando nos últimos meses”, argumentou Feijóo, indicando que, desde que se puxo en marcha esta modalidade de consulta, desde o pasado 2 de decembro, se teñen realizado 116.000 consultas telefónicas, o que supón o 5,5% do total de consultas recibidas en atención primaria.

“Hoxe por hoxe, 3.000 persoas reciben unha consulta médica a través do teléfono, previamente solicitada por parte do paciente”, abundou o presidente galego, insistindo en que agora se estende a todos os profesionais de atención primaria, a través dun protocolo que garante a actuación “con coordinación e garantías”, tanto para os pacientes como para os profesionais.

Un protocolo de consulta sanitaria telefónica onde a iniciativa lle corresponde aos pacientes. Así, estes poden solicitar, no momento en que pidan cita, que a consulta sexa telefónica. No caso de que se requira a consulta por teléfono, rexístrase como unha cita máis, segundo a distribución horaria acordada polo facultativo. O día e a hora fixado, o persoal médico porase en contacto co paciente para realizar a consulta a través do teléfono, no horario pactado. Esta actividade deberá rexistrarse na historia clínica do paciente, de modo idéntico ao que se produce, no seu caso, nunha cita con presenza física. En caso de que a consulta non poida ser feita por teléfono, como consecuencia dos datos que refire o paciente, automaticamente o médico de familia deberá remitila a consulta presencial, é dicir, o paciente deberá acudir ao seu centro de saúde.

“Polo tanto, tentamos estender un modelo, un modelo que nunca antes se puxera en marcha, un modelo que se xeneraliza a todos os profesionais de atención primaria, que facilita o acceso dos cidadáns a todos os profesionais sanitarios a través dun teléfono e que evita desprazamentos e esperas innecesarias”, remarcou o titular da Xunta incidindo en que é “a primeira vez que podemos facer isto no Servizo Galego de Saúde, porque temos as ferramentas capaces para facelo”. Nesta liña lembrou a historia clínica informatizada e a receita electrónica. “Iso permítenos poder receitar a través dun ordenador e que esa receita se vaia recoller á farmacia mentres se está facendo a consulta telefónica a ese paciente. Sen esas dúas ferramentas, evidentemente a consulta telefónica ou non sería posible, ou sería incompleta”, aseverou ao respecto.

Centros de saúde de Panxón (Nigrán) e Galeras (Santiago)
Na súa intervención, o mandatario galego tamén deu conta da licitación de dous novos centro de saúde nos concellos de Nigrán e Santiago de Compostela. Sobre o primeiro, que se construirá en Panxón, e cuxa licitación publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, asegurou que contará cun investimento de 2 millóns de euros e un prazo previsto de execución de 15 meses. Segundo precisou, albergará unha área de medicina xeral, outra de enfermería, 12 consultas, unha sala de extraccións, unha sala técnica e outra polivalente, e unha área de pediatría. O número de usuarios que se beneficiarán desta nova infraestrutura será de 7.652 aproximadamente.

Por outra banda, avanzou que “en cuestión de días”, unha vez obtido o informe do Concello de Santiago, sairá a licitación o centro de saúde de Galeras. Trátase dun edificio que contará cun investimento autorizado de 3 millóns de euros, de cuxos servizos se beneficiarán 12.000 composteláns.

O presidente da Xunta asegurou que a licitación destes dous centros de saúde dá cumprimento ao compromiso do Goberno galego por mellorar as infraestruturas sanitarias do Sergas tanto en atención primaria como en especializada. Así, apuntou que, desde o ano 2009, a Xunta leva construído ou reformado 36 centros de saúde, e que o obxectivo inmediato para esta lexislatura é construír 15 máis, nos que se inclúen os dous anunciados hoxe, así como a licitación, este an, da ampliación do hospital do Salnés ou a recente adxudicación do edificio de hospitalización do CHOU.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar