O BNG busca apoios para reformar a iniciativa lexislativa popular

Parlamento_xeral pleno

O Grupo Parlamentario do BNG solicitou o apoio de todos os grupos da Cámara autonómica para tramitar a reforma da lei que regula as iniciativas lexislativas populares que, entre outras cuestións, pretende rebaixar o número de sinaturas necesarias para que poidan saír adiante, así como axilizar a súa tramitación.

Os nacionalistas galegos precisaban os votos dos populares, cuxa voceira no debate, Paula Prado, reivindicou que unha mostra de que o PP «non é sectario» e «non pecha a porta á democracia» é o apoio a esta iniciativa, que entenden que «amplía» a participación democrática.

O voceiro parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, agradeceu o respaldo de todos os grupos, pero advertiu o PPdeG de que agora non se pode «desnaturalizar a proposta», xa que, unha vez que se admite a trámite, «pasa a ser propiedade do Parlamento e o grupo propoñente non a pode retirar». «Desexo que non se desnaturalice no trámite parlamentario», sinalou.

Pola súa banda, a deputada socialista Beatriz Sestayo considerou «oportuna e interesante» a iniciativa, en aspectos como a sinatura electrónica, pero sinalou que o PSdeG «vai con dificultade» cuestións como que menores de 16 poidan participar neste tipo de iniciativas, como propón o BNG.

Xosé Manuel Beiras, a cargo de AGE, expresou o voto «inequívoco» do seu grupo a favor da proposta, a cal propón completar, no seu trámite, coa posibilidade de que os membros da comisión promotora participen no relatorio da iniciativa (o momento en que os grupos sentan a porta pechada para analizar o texto da lei, as modificacións e incorporacións).

No debate tamén se posicionou a deputada do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, quen mostrou a súa preocupación polo «afastamento do pobo» cara á política e a «desconfianza» que proxecta sobre ela, polo que avalou esta iniciativa que avoga por «máis democracia».

Os nacionalistas propoñen, así mesmo, que os comisionados das ILP reciban axudas do Parlamento cando as súas iniciativas son admitidas a trámite pola Mesa da Cámara. Actualmente isto só acontece nos casos en que o pleno vota a favor da súa tramitación en relatorio e posterior conversión en lei.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar