A Fundación Rosalía de Castro pechou o 150 aniversario de «Cantares galegos»

Radio Galega Casa de Rosalía

A Fundación Rosalía de Castro pechou o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ celebrando o Día de Rosalía (24 de febreiro, día do nacemento da poeta) cun programa especial do Diario Cultural que serviu de marco para a presentación do proxecto de edición de «De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro» que asumirá a Fundación en colaboración coa Radio Galega. Coa edición en libro-cd culmina o proxecto promovido por este programa que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos.

Rosalía de Castro

No programa participou o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, a directora da Radio Galega, Rosa Martínez, e Najla Shami, que interpretou varios temas do seu disco dedicado a Rosalía. Ademais leron os seus poemas Xose M. Álvarez Caccamo, Marilar Aleixandre, Elvira Ribeiro e Celso Fernandez Sanmartin.

Ofrenda floral

Como todos os anos, o presidente da Fundación, Anxo Angueira, fixo en colaboración co Concello de Santiago unha ofrenda floral en Compostela. Por mor das obras que se están a realizar no lugar onde naceu Rosalía hai 177 anos, na actual Praza de Vigo, a ofrenda trasladouse á Alameda. Participaron tamén o alcalde de Santiago, Ángel Currás, e outros membros da corporación, tanto do Goberno como da oposición compostelá.

#euRosalía, un ‘selfie’ rosaliano

E o protagonismo da xornada recaiu tamén nas redes sociais, onde os galegos e galegas participaron masivamente respondendo á chamada da Fundación a publicar un ‘selfie’ (autofoto realizada co móbil) cun motivo rosaliano. Centos de persoas de Galicia e de fóra fixeron parte desta celebración colectiva tanto no Facebook, como no Twitter, entre outras redes sociais, usando o hashtag #euRosalía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar