A Deputación de Ourense fixa un código ético para cargos electos e persoal

Diputación provincial de Ourense.
Diputación provincial de Ourense.

pdfCódigo Ético AQUÍ

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe na Xunta de Portavoces da institución provincial unha iniciativa súa para ser debatida como moción no pleno do vindeiro venres relativa á elaboración dun código ético e de boa conduta para os cargos electos e o persoal ao servizo da Deputación de Ourense. Con esta medida, a institución provincial converterase na primeira de Galicia en contar cunha normativa específica en materia de ética e boa conduta e sitúase na vangarda nacional neste ámbito.

A moción, proposta a iniciativa da Presidencia, sinala que é innegable que vivimos nos últimos tempos unha importante desafección cidadá cara a política e ás institucións, públicas e privadas, administracións e altas maxistraturas do Estado ou entidades representativas da sociedade civil. “A erosión da confianza da cidadanía na actividade política tense manifestado dun xeito evidente”, o que obriga a institucións, aos partidos políticos e a representantes públicos a “multiplicar esforzos para pór en valor a política e a súa funcionalidade para unha sociedade democrática nuns momentos particularmente complexos”.

Neste senso, a Presidencia da Deputación de Ourense, consciente da necesidade de facer unha achega propositiva para a mellora da calidade democrática do noso sistema institucional, impulsa a través da presente moción a elaboración e aprobación dun Código Ético e de Conduta que regule as normas éticas de referencia para os cargos electos e o persoal ao servizo da administración provincial.

A moción recolle o que o Consello de Europa ten exposto neste aspecto, subliñando que o contexto de grave e profunda crise económica que se instalou na Unión Europea, “deriva no deterioro da calidade democrática das institucións locais e da propia vida política municipal, que implica en moitos casos unha maior desconfianza cidadá e, en concreto, unha atención intensificada fronte a calquera conduta política que non encaixe nas marxes razoables nos que se debe desenvolver a actividade política”.

Manuel Baltar explica na moción que as entidades locais, e os propios representantes institucionais debemos, por tanto, “redobrar esforzos por restablecer o valor da política local e recuperar a confianza da cidadanía”. Neste contexto de maior esixencia pública, explica, “a política local en Ourense require un reforzamento do compromiso efectivo coas veciñas e veciños, un apuntalamento e exteriorización efectiva dos valores públicos, dos estándares de conduta e da actitude moral dos cargos públicos locais. E a esa finalidade atende esta proposta da presidencia do goberno provincial”.

A moción recolle que a Deputación de Ourense ten realizado importantes cambios nas súas prácticas de goberno e relación coa cidadanía. Esta institución actualizou as canles do acceso á información por parte dos cidadáns, e hoxe en día dispón dun Portal de Transparencia que abriu un novo tempo na relación desta institución coa cidadanía, como da testemuña o feito de que a finais de 2013 Transparencia Internacional situara a esta Deputación entre as tres primeiras de España en canto a transparencia e acceso á información. A aplicación para dispositivos móbiles permitiu constituír un rexistro de incidencias provinciais que fai que calquera cidadán dende o seu teléfono contacte coa institución para demandar calquera cuestión relacionada coas administracións públicas. “Estamos na era da administración 3.0 onde a intelixencia tecnolóxica ten un valor engadido no proceso irreversible de compartir toda a información que posúamos coa cidadanía”.

Nesta liña considérase imprescindible seguir apostando pola mellora da calidade democrática das institucións, e así entendemos que sería bo dotar á Deputación de Ourense dun código de bo goberno, que implique ao conxunto dos representantes electos, goberno e oposición, pero tamén ao conxunto do persoal ao servizo da administración.

Tamén sinala a moción o compromiso ético no exercicio do servizo público, a tolerancia cero coa condutas impropias, a regulación dos agasallos institucionais ou a xestión responsable dos fondos públicos, como asuntos a abordar neste Código, a semellanza dos contidos que conforman disposicións similares que constitúen textos de referencia no dereito comparado. Incorporaríanse, así, determinadas obrigas, principios e responsabilidades que afectan á totalidade de quen forman parte desta institución.

En ningún caso é obxectivo desta iniciativa política o feito de aprobar ou subscribir ese código cunha finalidade de utilizalo como ferramenta de control político ou de descualificación recíproca, senón coa pretensión de interiorizar o seu contido e mellorar a imaxe institucional da entidade local, coa mirada posta en reforzar a confianza da cidadanía nas súas institucións.

A Presidencia formula esta moción ao Pleno, con carácter aberto, favorecendo deste xeito a participación de todos os grupos políticos, co obxecto de dotar á institución dunha norma avanzada en materia de bo goberno, para que acorde elaborar no seo da Comisión Informativa de Patrimonio, Goberno e Réxime Interior unha proposta de Código Ético e de Conduta dos cargos electos e do persoal ao servizo da administración provincial, e presentar, no prazo de dous meses, ao pleno da Corporación Provincial dita proposta para o seu debate e, no seu caso, aprobación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar