Vilanova dos Infantes será capital da cultura galega o 17 de maio

Baltar_Celanova

Un ano máis Vilanova dos Infantes converterase na capital da cultura galega coa celebración da tradicional romaría etnográfica «Raigame», que se celebrará o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, no que Galicia celebra a súa gran festa da cultura. A Deputación de Ourense e o Concello de Celanova están a ultimar os preparativos deste evento, para o cal mantiveron unha reunión o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e a responsable do Centro de Cultura Popular «Xaquín Lourenzo», Mariló Fernández Senra.

Este ano o protagonismo será para os artesáns e os centros etnográficos da provincia de Ourense, nunha xornada na que Vilanova dos Infantes acollerá a milleiros de visitantes de toda Galicia, o vindeiro 17 de maio, coa 13ª edición de Raigame.

Esta celebración de exaltación das tradicións, declarada «Festa de Interese Turístico de Galicia», reúne cada ano ao redor da torre e do burgo medieval de Vilanova dos Infantes a milleiros de persoas que se achegan «para realizar a súa particular viaxe no tempo, que nos permite lembrar pero tamén potenciar as tradicións dos gremios e artesáns galegos doutros tempos, e tamén fornecer a nosa cultura con maiúsculas, integrada polo noso idioma e a nosa etnografía», afirma Manuel Baltar.

A celebración de «Raigame» enmárcase dentro do proxecto de posta en valor do núcleo medieval de Vilanova dos Infantes, como un elemento máis do potencial turístico-cultural que oferta Celanova dentro do programa «Celanova, un paseo pola historia de Galicia», que pretende dar a coñecer os momentos máis importantes da historia de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar