Ourense: combinar termalismo e deporte de alta competición

Baltar_termalismo e deporte

A Deputación de Ourense acolleu hoxe unha xuntanza, presidida polo titular da institución provincial, Manuel Baltar, a instancias do Club Náutico de Castrelo de Miño, na que diferentes estamentos e organizacións concordaron na necesidade de unir termalismo e deporte de alta competición para que a contorna do balneario de Laias e o encoro de Castrelo de Miño sexan un punto de referencia de ámbito internacional no que atinxe a termalismo e á práctica de deportes náuticos.

A tal efecto, na xuntanza participaron representantes da Deputación de Ourense, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do Club Náutico de Castrelo e de Caldaria para crear as condicións que permitan ao balneario de Laias acoller a equipos da elite internacional do remo co obxectivo de que poidan achegarse a esta contorna para facer as súas tempadas preparatorias e de adestramento e, desta maneira, atraer visitantes e deportistas de alto nivel. “Trátase –como xa recolle o Plan Termal Provincial da Deputación- de buscar un revulsivo nunha zona termal por excelencia como é Laias, no Concello de Cenlle, aproveitando para elo a riqueza termal e as magníficas condicións que ofrece o encoro de Castrelo de Miño, considerado un dos máis importantes de España para a práctica do remo pola súa lámina de auga, xunto con Bañolas e Sevilla”, explica Manuel Baltar. Neste senso, na reunión falouse de adaptar o pantalán existente no balneario de Laias á normativa que esixe a alta competición de remo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar