O PPdeG confía en que o Plan de Emprego Xuvenil impulse o emprendemento

Paula Prado_blogA voceira do PPdeG, Paula Prado, destacou hoxe que o Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015 que vén de aprobar o Goberno galego fomenta o emprendemento entre os máis novos con incentivos que superan nun 10% as axudas ordinarias para darse de alta no réxime de autónomos.

Así, este Plan, dotado con 100 millóns de euros e que beneficiará a máis de 95.000 mozos nestes dous anos, contará con incentivos ao emprendemento que oscilarán entre os 6.000 e os 10.000 euros. Así mesmo, os mozos autónomos contarán cunha orde específica dotada con 9 millóns de euros que prevé chegar a máis de 3.000 beneficiarios.

Por outra banda, Prado destacou como novidade deste plan que, na promoción do emprego autónomo, subvencionaranse tamén as actividades daqueles mozos cuxa actividade non conleve un gasto en investimento fixo forte, pero si un gasto corrente.

A esta aposta súmase tamén a da promoción do emprendemento cooperativo a través do programa Xuventude coop como saída no mercado laboral. Neste senso, Prado apuntou que as cooperativas están demostrando unha especial resistencia á crise económica. De feito, desde 2009 en Galicia creáronse 255 cooperativas que contan con preto de 5.000 socios, o que supón un 8% máis das cooperativas que había en 2009.

Así mesmo, a voceira dos populares galegos tamén destacou a posta en marcha no seo deste Plan dun programa de atención preferente por parte do Servizo Público de Emprego de Galicia para mozos que nin estudan nin traballan. Grazas a este programa, poderán contar cunha atención personalizada de orientación profesional, acompañamento e formación. Ademais, crearanse novos incentivos de contratación para eles, consistentes en axudas económicas.

Prado destacou, ademais, a transversalidade do Plan, que inclúe medidas de natureza diversa, como a formación profesional dual, os viveiros de empresa en centros educativos, a formación profesional modular ou a formación de mozos sen cualificación.

Para a voceira dos populares galegos, o Plan de Emprego Xuvenil é unha clara aposta do Goberno de Feijóo por afrontar con firmeza e responsabilidade un dos principais problemas do noso país: o paro xuvenil. Ademais, cun Plan desta envergadura e importancia, os populares á fronte do Goberno galego demostran que a xuventude é unha prioridade na súa xestión.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar