Favorable acollida do proxecto Abalar entre o profesorado

Ordendores Plan Abalar A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o éxito do proxecto Abalar- posto en marcha no curso 2010/2011 en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)-, xa que, segundo os datos da avaliación realizada sobre o funcionamento do programa, o uso semanal do equipo do profesor é superior ao 95%, é dicir, practicamente total. Así mesmo, o emprego medio semanal do equipamento Abalar –sumando os portátiles dos docentes e ordenadores ultraportátiles do alumnado- ronda o 70%. Así, máis da metade dos centros teñen un uso semanal de máis do 80%, e outro 25% de entre o 60 e o 80%.

Os datos proceden dun seguimento do proxecto realizado pola Amtega, xunto coa avaliación periódica que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realiza a través da Inspección Educativa; e son cifras que reflicten a satisfacción dos centros co proxecto. Cómpre sinalar que a Consellería está a traballar para impulsar que todos os centros educativos acaden o máximo emprego do proxecto –analizando caso por caso-, potenciando o uso do importante investimento que o Abalar supón, tanto no que se refire a equipamento e instalacións nos centros educativos como á formación do profesorado e coordinadores do programa.

Neste curso 2013/2014 o Abalar chegará a 2.295 aulas de 531 centros educativos, beneficiando a máis de 49.000 estudantes. Ademais 235 colexios e institutos dispoñen xa de conexión a internet a unha velocidade de 100 megas.

A maiores, vén de poñerse en funcionamento a aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles, facilitando ás familias a participación na comunidade educativa e o seguimento da vida escolar dos seus fillos. AbalarMobil traslada ás tabletas e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A principal vantaxe da nova ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é dispoñer dun dispositivo móbil con conexión de datos, descargar a aplicación e rexistrarse nela; mentres que o acceso desde un ordenador precisa dispoñer dun certificado dixital da FNMT ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario.

 

REPOSITORIO

Outro dos eixos fundamentais do proxecto é o Repositorio de contidos dixitais do espazo Abalar, que se está a consolidar como o punto de encontro da comunidade educativa na rede, xa que desde que comezara a funcionar, en novembro de 2010, os usuarios do portal espazoAbalar teñen realizado 2.650.1546 descargas.

Para enriquecer aínda máis este espazo común, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) van poñer a disposición da cidadanía, de forma totalmente gratuíta, o currículo completo de Educación Secundaria de Adultos no repositorio de contidos do espazoAbalar, favorecendo o acceso ao mesmo tanto a docentes como a alumnado. Así mesmo, preténdese achegar os recursos educativos dixitais ás persoas interesadas en cursar os seus estudos a distancia, en especial as que se atopan en situación de desemprego, debido a que van a poder acceder ao currículo sen custo algún; ao igual que ocorre xa cos contidos de bacharelato, que se incorporaron ao repositorio hai uns meses.

Deste xeito, favorécese un espazo educativo no que tanto o profesorado como o alumnado poidan desenvolver as súas actividades académicas, xa que os docentes van a poder incorporar as unidades didácticas á aula virtual do seu centro, adaptando a temporalidade, os contidos, as actividades, etc.

UNIDADES DIDÁCTICAS DE COMUNICACIÓN

Polo momento, no repositorio do espazoAbalar están publicadas as unidades didácticas do Ámbito de Comunicación da ESA. Dito material empregase na actualidade na modalidade a distancia deste nivel educativo. Nas próximas semanas incorporaranse as unidades dos outros Ámbitos: Social e Científico-Tecnolóxico…

Cada unidade didáctica está estruturada nos seguintes apartados: apuntamentos, secuencias de contidos, resumo, exercicios de autoavaliación, glosario, bibliografía, etc; e elaborada en bloques coa ferramenta de autor exelearning. Así mesmo, pódese descargar un arquivo en formato .ZIP para restaurar todas as unidades didácticas de cada ámbito nunha aula virtual Moodle.

 

DOUS MIL CONTIDOS DIXITAIS

Coa nova actualización do repositorio alcánzanse os 2.056 recursos, dispoñibles en varios idiomas, para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos.

Por niveis educativos, 60 dos recursos son de educación infantil, 882 de primaria, 547 de secundaria, 532 de bacharelato e 17 de Formación Profesional e 18 de ESA. As linguas nos que están dispoñibles son galego, castelán, inglés, francés, portugués, alemán e italiano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar