Educación compromete a reparación dos danos do temporal nos centros educativos

Vazquez Abad_informal O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou o esforzo realizado polo seu departamento nos últimos meses para dar resposta ás necesidades dos centros educativos galegos tras os temporais, que ocasionaron numerosos danos nas súas infraestruturas. Proba diso é a volta esta mesma semana dos 105 alumnos e alumnas do CEIP Viñagrande-Deiro, en Vilanova de Arousa, grazas á rápida actuación da Consellería para reparar a cuberta do centro en tan só unha semana, uns traballos aos que se destinaron 74.000 euros. En total estímase que a reparación de todos os danos causados polo mal tempo desde o pasado mes de decembro suporá nun investimento duns 2 millóns de euros por parte da consellería.

Vázquez Abad visitou hoxe este colexio, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Corés Tourís; o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; e pola directora do mesmo, María Elisa Álvarez. O conselleiro salientou que desde o primeiro momento se comezasen a tomar as medidas necesarias para retirar os restos da cuberta arrincada e para executar as obras oportunas, co fin de que o alumnado puidese volver canto antes ás clases no seu propio centro.

A cuberta do CEIP Viñagrande-Deiro foi reposta con paneis de tipo ‘sándwich’, obras que se completaron coa reposición do canalón e a reparación do aleiro e o pintado da zona afectada. Durante o tempo que duraron os traballos, as alumnas e alumnos foron escolarizados noutros dous centros da zona – xa que non era posible acollelos a todos no mesmo, por cuestións de espazo-, ata que as obras remataron, co fin de que a súa vida escolar se vise o menos afectada posible.

O conselleiro aproveitou a súa visita ao centro para interesarse polo funcionamento das 4 seccións bilingües coas que conta, que favorecen o contacto co inglés ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria; así como da biblioteca escolar, que recibe achegas da Consellería para a mellora da súa biblioteca escolar, tanto no que se refire aos seus fondos e equipamento como á implantación de iniciativas en prol do hábito lector e mais da alfabetización informacional dos estudantes, entre outras liñas de actuación ao abeiro do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). O CEIP Viñagrande-Deiro foi dotado ademais pola Consellería cun aula dixital.

Tema: Educación

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar