Ourense aposta como modelo medioambiental polas Corcerizas, en Vilar de Barrio

Baltar nas corcerizas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o Centro de Educación Ambiental das Corcerizas, no Concello de Vilar de Barrio, centro pioneiro en Galicia e de referencia nacional no ámbito medioambiental, onde lle confirmou aos seus xestores, a ONG Amigos da Terra, a realización de obras de melloras e acondicionamento dos edificio de arquitectura bioclimática que alberga este recinto, que serven de albergue e de aulas de formación en materia medioambiental e de bioconstrucción.

O uso das enerxías limpas encaixa perfectamente co proxecto de “goberno verde e ambiental” da administración provincial. “A Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, que está a elaborar o Observatorio da Sostibilidade, contará coas Corcerizas como centro de referencia, apostará polo seu desenvolvemento e promoción para que cada vez sexan máis os visitantes, tanto nacionais como internacionais, que se acheguen a este espazo ambiental de excelencia”, explicou Manuel Baltar.

Este centro formará parte dunha rede de concienciación e divulgación ambiental, coa posta en marcha, dentro do Plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa, da granxa escola de Armariz. Desta maneira, a Deputación da un paso máis na súa política a prol do medio ambiente co apoio a este centro e a renovación das súas infraestruturas, poñendo asemade en valor o traballo que desenvolve As Corcerizas no eido medioambiental, un centro que pertence á Deputación e que está xestionado, por medio dun convenio de colaboración, por Amigos da Terra.

O centro foi concibido dende a perspectiva de coherencia e sustentabilidade tanto na súa planificación, construción, xestión e uso. O equipamento consta de dous edificios de nova creación, o comedor e a aula, feitos segundo os modelos de arquitectura bioclimática e baixo criterios e materiais de bioconstrución; un albergue de 40 prazas, rehabilitado tamén seguindo a mesma perspectiva; e o centro de xestión enerxética, a “Casa das enerxías”, onde se controla o almacenamento mediante baterías estacionarias e a distribución da enerxía xerada das distintas fontes renovables coas que conta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar