Besteiro considera inaceptable a suba do canon do lixo

Besteiro, con Sánchez Presedo e Méndez Romeu.
Besteiro, con Sánchez Presedo e Méndez Romeu.

 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lamenta que «a falta de peso político» do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no proceso de reforma do sistema eléctrico por parte do Goberno de Mariano Rajoy se traducira nunha suba do canon do lixo «nun 34 por cento» para os galegos.

«Non é aceptable», sentenciou, sen deixar de criticar, na apertura dunhas xornadas sobre xestión de residuos organizadas polo Grupo Parlamentario Socialista, que Feijóo tomara «a vía máis doada», a de que os cidadáns «paguen» un sistema que «non funciona».

Deste modo, o xefe de filas do PSdeG rexeitou que a decisión «política» do Executivo estatal de suprimir as primas ás renovables obrigue os galegos a pagar máis pola xestión dos seus residuos a partir do 1 de marzo.

Con todo, tras censurar que a Xunta non buscara vías de «consenso» para así «garantir a viabilidade do sistema», Besteiro advertiu aos seus compañeiros de partido de que a súa «responsabilidade» non só é «loitar» contra a «desproporcionada» suba do canon, senón ofrecer «alternativas» aos galegos.

«Non podemos escapar desa decisión», subliñou, convencido de que é momento agora de deseñar un modelo que sexa «viable» en termos económicos e «sostible» dende o punto de vista ambiental, toda vez que o actual sistema non cumpre ningún deses parámetros.

«MÁIS PRETO» DE EUROPA

Dito isto, sinalou que, aínda que a incineración xa non é «rendible», en Galicia séguese reciclando «pouco», o que supón distanciarse das liñas marcadas polas estratexias comunitarias de xestión de residuos, que apostan pola redución, a reutilización e a reciclaxe.

Con esa visión dunha Europa que «cada vez está máis preto», arengou os seus para que, coa vista posta nos comicios de maio, trasladen «unha mensaxe de ilusión e unidade» dos socialistas europeos fronte á «dereita neoliberal e conservadora» tamén en asuntos relativos ao medioambiente.

«Temos que ser capaces de trasladar a idea de que o que está a pasar non é irreversible», proclamou Besteiro, antes de poñer de manifesto que «outra política se empeza a abrir camiño».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar