A Xunta comprométese a apoiar á cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal

Rueda_Eurocidade Cháves_Verín

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do grupo de traballo da Eurocidade Chaves-Verín, na que se acordou a folla de ruta así como os obxectivos estratéxicos para o período 2014-2015, e se fixo balance da actividade dos últimos seis anos.

Ao encontro tamén asistiron os alcaldes de Verín e de Chaves, Juan Manuel Jiménez Morán e Antonio Cabeleira; o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; o secretario executivo da comunidade intermunicipal do Alto Támega, Joâo Batista; e mailo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.

O vicepresidente Alfonso Rueda amosou o total apoio da Xunta con todas as iniciativas de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, cuestión pola que tamén aposta a Unión Europea ao primar no seu reparto de fondos os proxectos conxuntos. Esta liña explicitada polo vicepresidente non fai máis que reforzar o compromiso do Goberno galego cos concellos para que cooperen, que sumen esforzos e que aposten pola xestión compartida.

 

 

 

No caso concreto da Eurocidade Chaves-Verín, Rueda salientou que a xestión conxunta de servizos municipais (como bolsas de emprego, actividades de formación, ou na área de saúde) están aportando xa beneficios para o conxunto da cidadanía destas zonas

XESTIÓN CONXUNTA DE EQUIPAMENTOS E SERVIZOS

Segundo se puxo de manifesto, a estratexia da Eurocidade para os vindeiros anos centrarase na coordinación e xestión conxunta de equipamentos e servizos no ámbito do turismo, deportes, cultura e medioambiente. Esta planificación estará orientada, sobre todo, á concentración de recursos e á aposta pola innovación e o emprego.

Nesta liña, de cara aos vindeiros anos márcanse como obxectivos inmediatos a captación de fondos comunitarios, o desenvolvemento dunha rede de Eurocidades do Atlántico impulsada por Chaves-Verín. Así mesmo avanzarase en actuacións concretas en materia sanitaria, de transporte público, loxística, cooperación policial e termalismo, entre outros.

 2007-2013

Canto ao balance do traballo realizado polos concellos de Verín e de Chaves desde a creación do proxecto de Eurocidade, cómpre salientar a formación da estrutura de cooperación con personalidade xurídica da AECT-Eurocidade Chaves-Verín, e a creación da Zona Franca Social a través da xestión e equipamentos e servizos e a Tarxeta do Eurocidadán.

Así mesmo, leváronse a cabo actividades de promoción económica no eido turístico, do termalismo e do desenvolvemento sostible, entre os que se atopa a senda eco fluvial polo río Támega.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooepración Transfronteiriza España-Portugal (POPTEP), que conta coa participación financeira da Unión Europea.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar