Viaxe a Suiza cos Centros de Maiores da Fundación Novacaixagalicia

mayores viajeOs doce Centros de Maiores da Fundación Novacaixagalicia están planificando para os seus socios unha viaxe a Suíza. Desde o 1 ata o 8 de xuño, as persoas anotadas gozarán dunha inesquecible estancia no país helvético que terá como puntos principais de parada as cidades de Xenebra, Gruyeres, Friburgo, Berna, Interlaken e Zúric, onde a hospedaxe se realizará en hoteis de catro estrelas. Ademais, para esta viaxe, que partirá da Coruña e que inclúe os traslados desde as cidades de orixe, contarase con visitas xa concertadas, guías locais e entradas para as diferentes citas culturais. Por outra banda, esta oportunidade ábrese tamén a persoas non socias dos centros de maiores. Todos aqueles que estean interesados en apuntarse a esta viaxe, poden consultar os detalles no Centro de Maiores da súa área ou ben en calquera oficina de Ciberviaxes.

OS CENTROS DE MAIORES DA FUNDACIÓN

A Fundación Novacaixagalicia tivo sempre, entre as prioridades da súa Obra Social, a atención ao colectivo de persoas maiores mediante programas innovadores e en permanente evolución. Estes programas desenvólvense a través dos seus doce centros en Galicia, unha comunidade que presenta un índice de envellecemento cinco puntos superior ao do resto de España. As actuais liñas de traballo da fundación neste eido son: o envellecemento activo, unha serie de servizos que se programan desde a propia rede de centros que procuran a promoción da autonomía persoal como ioga, pilates, pintura, teatro, danza, canto ou propostas máis ligadas ao benestar como a podoloxía ou a asistencia á dependencia; no tocante á investigación e formación xerontolóxica, a entidade promove plans de formación e accións de reciclaxe profesional para garantir a calidade na atención social e sanitaria dos nosos maiores e publicacións sobre dependencia, envellecemento activo e estimulación cognitiva. A Fundación Novacaixagalicia tamén traballa realizando un intenso labor de apoio ás iniciativas promovidas polas organizacións públicas e ONL, de tal xeito que poidan levar a cabo os seus obxectivos en materia de asistencia sociosanitaria, o que nos permite chegar aos todos recunchos da xeografía galega, complementando, entón, as iniciativas propias.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar