Un decreto regula o mellor aproveitamento dos montes

Feijóo_Consello_200214

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o novo decreto de ordenación e xestión forestal asegurará un aproveitamento diverso e sostible dos montes con facilidades administrativas e beneficios comerciais, económicos e fiscais para os propietarios.

 

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que o futura norma, cuxo texto foi analizado hoxe, supera un regulamento moi obsoleto (1970) e permite afondar na necesidade de ordenar o monte e de sacarlle todo o potencial á nosa riqueza forestal, algo fundamental, vendo que só o 10% da superficie do monte en Galicia está ordenado e só o 8% presenta certificado de xestión forestal sostible.

Así mesmo, fixo fincapé en que o decreto abre incentivos para o propietario; ten beneficios para el e o acomodan á lexislación autonómica, estatal e á lexislación comunitaria para poder percibir axudas e subvencións con cargo a presupostos autonómicos, estatais e comunitarios. Mellora a calidade da madeira que sae dos montes galegos e, ademais, os propietarios pagarán menos impostos.

A Lei de montes aprobada a pasada lexislatura establece que a partir do ano 2019 non se permitirán aproveitamentos –incluídas cortas de madeira para uso comercial- a aqueles propietarios que non posúan un instrumento de ordenación ou xestión forestal. E, en previsión a este requirimento, a Xunta lanza este decreto co fin de que todos os propietarios forestais de Galicia se doten destes instrumentos con tempo.

A nova norma establece así tres niveis, de xeito que deberán dotarse dun proxecto de ordenación os montes públicos e todos aqueles territorios que superen as 25 hectáreas de superficie en couto redondo (perímetro).

Se a superficie é igual ou inferior ás 25 hectáreas, os propietarios ou xestores deberán presentar un documento simple de xestión ou un documento compartido de xestión cunha pluralidade de propietarios que queiran xestionar de forma conxunta o seu monte.

Alternativamente, se a superficie é igual ou inferior ás 15 hectáreas poderán optar por un documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal xenéricos; documento que a Consellería do Medio Rural e do Mar poñerá a súa disposición de maneira inmediata a través dunha orde que sairá a información pública a vindeira semana.

Ademais de asegurar un aproveitamento diverso dos nosos montes e adaptado ás nosas características, Feijóo destacou que o novo decreto traerá como consecuencia outros beneficios importantes para os propietarios.

Deste xeito, e sobre os beneficios económicos, o presidente da Xunta subliñou que aqueles propietarios ou xestores que queiran optar a axudas públicas no novo período 2014-2020 deberán dotarse destes instrumentos. De igual xeito, aqueles propietarios que dispoñan destes instrumentos poderán acollerse a dous beneficios fiscais, quedando exentos do Imposto de Bens Inmobles e do cómputo como ingreso na base do IRPF dos importes das subvencións públicas concedidas.

No tocante ás facilidades administrativas, avanzou que os propietarios que teñan estes instrumentos non necesitarán de ningunha autorización dos diferentes departamentos da Xunta para realizar as actuacións planificadas, e só deberán notificalas, xa que para a súa aprobación administrativa se aplicará un criterio de ventanilla única.

Por último, e no eido dos beneficios comercias, cómpre subliñar que a aplicación desta norma facilitará aos propietarios forestais poder acadar o certificado de xestión forestal sostible, por calquera dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar