O conselleiro de Cultura presenta en Ourense o festival «Pórtico do Paraíso»

SONY DSC

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou esta mañá o papel do Festival Internacional de Música de Ourense ‘Pórtico do Paraíso’ como dinamizador da vida cultural da cidade das Burgas durante a presentación da sétima edición do evento. De feito, o festival contou no pasado ano coa asistencia de máis de 3.800 persoas. A edición de 2014 terá lugar do 13 ao 23 de marzo coa participación de seis destacados solistas e grupos do panorama da música clásica española e mundial.

Como explicou Vázquez Abad durante a súa intervención, a Consellería de Cultura e Educación volve colaborar con esta iniciativa, organizada polo Concello de Ourense a través da Asociación Pórtico Musical, cunha achega de 8.000 euros mediante a que se contribúe ao desenvolvemento dun atractivo programa de sete concertos e diferentes actividades paralelas en nove espazos da capital ourensá.

Música e patrimonio
Neste sentido, o conselleiro salientou que a través deste apoio achégase unha programación adicional de música clásica a espazos escénicos como o Teatro Principal de Ourense, ao tempo que se continúa coa posta en valor de importantes pezas do patrimonio galego, como é o caso da Catedral de San Martiño. “Trátase –engadiu– dunha liña de actuación que vimos desenvolvendo desde a Consellería a través de iniciativas como os ciclos ‘Espazos sonoros’ e ‘Monumenta’, ou como o concerto de Rosa Cedrón na catedral ourensá o pasado mes de decembro”.

Ademais do titular de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, tamén participou na presentación o alcalde de Ourense, Agustín Fernández; a concelleira de Cultura, Ana Garrido; o director do festival Pórtico do Paraíso, Juan Enrique Miguéns; e asistiron ademais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e a xefa territorial de Educación na provincia, Mercedes Gallego, entre outros. Durante este acto, Xesús Vázquez Abad fixo fincapé na colaboración entre as institucións implicadas na organización do festival, grazas á que Ourense se converte durante 10 días na “capital de referencia musical de Galicia, favorecendo a descentralización dos circuítos de difusión cultural”.

Concerto inaugural na catedral
Este VII Festival Internacional de Música de Ourense ‘Pórtico do Paraíso’ combina unha interesante oferta de concertos cunha serie de actividades paralelas que buscan reforzar a proxección social da música clásica. Así, desde Francia chegará o grupo vocal Diabolus in Musica, especializado no estudo e interpretación da música medieval, para protagonizar a primeira das citas musicais o venres 14 de marzo na catedral.

O resto dos artistas proceden tanto do panorama musical español –é o caso do conxunto vocal e instrumental La Reverencia (igrexa de Santiago de Caldas, venres 21)– como do internacional. Deste xeito, Karolis Biveinis, pianista lituano afincado en Galicia, ofrecerá un espectáculo audiovisual os sábados 15 e 22 de marzo na igrexa do Santo Anxo; mentres que a formación británica de percusión O Duo presentará o domingo 16 de marzo no Teatro Principal o seu orixinal achegamento a clásicos populares e contemporáneos. Pola súa banda, Hopkinson Smith, neoiorquino afincado en Suíza e un dos nomes de referencia da guitarra barroca, actuará o martes 18 de marzo na igrexa de Santa María Nai, e o Duo Amal dos pianistas Bishara Haroni, de Palestina, e Yaron Kohlbergm, de Israel, apadriñado profesionalmente polo mestre Zubin Mehta, chegará a Ourense precedido do recoñecemento de público e crítica pola súa calidade musical e polo seu traballo a prol da concordia entre os seus pobos. Eles serán os encargados de pechar a programación o domingo 23 no Principal.

Entrada gratuíta
Agás no caso das dúas citas programadas no Teatro Principal, o resto dos concertos de Pórtico do Paraíso son gratuítos. Tamén é de balde a entrada para as diferentes actividades paralelas organizadas ao abeiro desta sétima edición do encontro.

Dentro deste programa complementario, o 20 de marzo proxectarase no Liceo de Ourense o documental ‘De occulta philosophia’, fita verbo da música barroca que protagoniza o grupo La Reverencia. Así mesmo e a través do Conservatorio de Música de Ourense, afondarase na faceta pedagóxica desta iniciativa coa organización de senllos encontros do alumnado e o profesorados con Hopkinson Smith (luns 17) e La Reverencia (xoves 20). O conselleiro incidiu precisamente neste aspecto educativo, subliñando a oportunidade que supón para os estudantes de música este contacto directo con intérpretes de prestixio e con innovadoras formas de achegamento ao repertorio clásico.

A oferta complétase con dúas exposicións que permanecerán abertas ao público durante os 10 días que dura o festival: o claustro de San Francisco acollerá unha retrospectiva fotográfica sobre o festival asinada por Mani Moretón, mentres que o Museo Municipal de Ourense exhibirá unha mostra dedicada aos instrumentos do gremio de Luthiers y Arqueros de España.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar