«Maxia potaxia» da mán de Juan Tamaríz en Pontevedra e Vigo

Juan Tamaríz_fundación NCG
A vindeira fín de semana chegará a «Maxia potaxia» de Juan Tamariz a Pontevedra e Vigo da man da Fundación Novacaixagalicia. O Centro Social da entidade galega na cidade do Lérez presentará este novo espectáculo de ilusión o sábado ás 20.30 h, mentres que o Centro Cultural vigués farao o domingo ás 19.30 h.
O entrañable e aplaudido mago Juan Tamariz glosa en «Maxia potaxia» algunhas das súas mellores actuacións ao longo dos máis de corenta anos que leva en activo e percorrendo os escenarios españois e dalgunhas das cidades máis importantes do mundo. Para esta ocasión, ademais, contará coa colaboración da maga Consuelo Lorgia, cuxas habilidades telepáticas abraiarán o público.

Consuelo Lorgia_maga
O mundo do ilusionismo en España non se podería entender sen a referencia constante a Tamariz. A súa pegada no imaxinario colectivo é tan intensa como recoñecible é a súa silueta. Durante estes corenta anos de actividade profesional como mago, tanto o público adulto como o infantil ou xuvenil gozou coa súa pericia coas cartas, especialmente. As súas aparicións en programas de televisión, en teatros ou mesmo en espazos máis reducidos cativaron en todo momento a atención dos espectadores. A súa proposta de espectáculos, en que combina maxia con notas de comedia, convérteo nun referente no seu ámbito. Nesta ocasión en Pontevedra e Vigo, como non podía ser doutro xeito, o público poderá gozar, así mesmo, das ocorrencias e comentarios humorísticos dun dos grandes da maxia internacional.
As entradas para este espectáculo están xa á venda a través das canles habituais da entidade, en www.servinova.com, a través da billeteira telefónica no 902 504 500, nos centros da Fundación Novacaixagalicia na Coruña, Santiago de Compostela e Ourense, ou ben na Central de Espectáculos de Vigo.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

Máis información en www.obrasocialncg.com.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar